COMPROMíS AVANZARíA EN VOTOS

Ciudadanos dá o sorpasso ao PP en Valéncia e perfílase como a terceira forza no Estado

Albert Rivera

A forza emerxente por excelencia xa non é Podemos. Após os seus excelentes resultados en Catalunya (segunda praza, 25 deputadas), Ciudadanos gañaría as xerais na comunidade autónoma de Valéncia, segundo un inquérito de El País.


Sismo eleitoral en Valéncia, tradicional feudo do PP, e demostración de que Génova xa non ten o monopolio sobre o centro-direita. Un inquérito realizado por Metroscopia para El País coloca Ciudadanos como primeira forza política para as eleccións xerais, cunha estimación de entre 9 e 10 escanos e o 25,4% dos sufraxios. O fiasco do Partido Popular é monumental: non só cedería 12 mandatos (pasaría de 20 parlamentares a só 8), senón que mesmo é superado polo PSOE, que se faría co 23,3% do voto e entre 8 e 9 asentos no Congreso. O PP ficaría apenas co 21,6% dos sufraxios. A debacle non ten precedentes, sendo que en 2011 acadara o 53,3%.

A candidatura propia do país, Compromís -marca na que está integrado o Bloc Nacionalista Valencià-, obtería un bon resultado nesta enquisa, unha vez que todo apunta a que non irá ás xerais en coligazón con Podemos. Mantén o seu escano e incrementa as súas expectativas de voto, ao pasar do 4,8% ao 7,3%.

A sondaxe convida a pensar que Ciudadanos se perfila como a terceira forza en potencia, deixando atrás a un Podemos que nos últimos meses está a rexistar un descenso imparábel nas enquisas

Por súa parte, Podemos roldaría o 15,6 % dos votos -10 pontos por debaixo de Ciudadanos- e apañaría 5 actas no Congreso, mentres que a Esquerra Unida del País Valencià cedería lixeiramente en porcentaxe de voto (descería do 6,5% ao 5,6%) mas sería quen de manter a súa presenza, un deputado, no Congreso.

A sondaxe convida a pensar que no actual cadro político Ciudadanos se perfila como a terceira forza en potencia, deixando atrás a un Podemos que nos últimos meses está a rexistar un descenso imparábel nas enquisas e que acaba de colleitar un resultado moi por debaixo do agardado nas eleccións ao Parlament de Catalunya.