ACUMULACIÓN DE FORZAS

Cinco forzas da esquerda abertzale pechan un acordo de unidade

Asinarán un documento común o sábado 28 en Irún

Á espera de que o Tribunal Supremo legalice a marca Sortu, que engloba a esquerda abertzale chamada tradicional, o importante proceso de acumulación de forzas soberanistas en Euskal Herria que se abriu primeiro con Bildu e despois con Amaiur sobe outro chanzo coa sinatura o sábado 28 de abril dun “acordo nacional estratéxico”, no que ademais dos sectores que sofreron a ilegalización por parte do estado español tamén participarán Eusko Alkartasuna, Aralar, Alternatiba e, como novidade, Aberzaleen Batasuna, organización que ten o seu ámbito de actuación no territorio vasco baixo administración francesa.

 Malia o ambiente electoral que rodea Euskal Herria, coa vista posta nas eleccións ao Parlamento da Comunidade Autónoma Vasca, as formacións da esquerda nacionalista prefiren centrar os seus esforzos na creación dun polo alternativo que mire alén das urnas e “exprese a vontade de traballar por obxectivos comúns para que este pobo sexa unha realidade aceptada e respectada en Europa, situando a práctica política dos partidos abertzales dentro dunha estratexia nacional cuns valores progresistas”.

 As cinco forzas que asinarán o acordo consideran necesario “un novo modelo diferenciado do que creou a actual crise sistémica” e pensan que contan no seu país “cunha ampla base social que comparte os nosos obxectivos, que axiña obterán uns resultados visíbeis”.