Chile segue o ronsel da Arxentina e debate a despenalización do aborto

Manifestación esta semana en Chile (Foto: Leonardo Rubilar / Agencia Uno)
O Congreso estuda un proxecto presentado por deputadas da oposición tras o paso dado polo Lexislativo do país veciño.

Santiago de Chile foi escenario nas últimas horas de protestas pacíficas en demanda da legalización do aborto no país. Na cuarta feira iniciouse no Congreso o debate sobre a despenalización da interrupción do embarazo até as 14 semanas. Na capital chilena máis de 200 mulleres congregáronse con panos verdes, símbolo da campaña que se estendeu por todo o continente en apoio aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. O proxecto de lei foi impulsado por un grupo de deputadas da oposición e recibirá propostas para a súa modificación até a vindeira terza feira.

A proposta chega pouco máis de dúas semanas despois de Arxentina legalizar o aborto. Neste sentido, a deputada Maite Orsini, presidenta da comisión de debate no Congreso, asegurou que "sen dúbida a marea verde de Arxentina espertou unha conmoción en Latinoamérica e no mundo".

"Os abortos existen e seguirán existindo. Nas nosas mans está deixar de perseguir adolescentes e mulleres que non teñen recursos para o faceren en clínicas disfrazado de apendicite", manifestou. Varias deputadas da dereita, como Unión Democrática, mostráronse contrarias ao proxecto.

O texto contempla a despenalización do aborto, non a súa legalización xa que segundo a Constitución de 1980 ─aprobada polo ditador Pinochet─, o Parlamento non pode presentar proxectos de lei que incorran en gasto fiscal, como sería o aborto legal, unha prerrogativa do presidente.

Mapa latinoamericano

O paso dado na Arxentina impulsou os movementos en todo o continente. Por exemplo, en Porto Rico a campaña de Aborto Libre, Seguro e Accesíbel convocou esta semana unha manifestación para exixir que o novo Parlamento protexa os dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres.

Porto Rico é canda o Uruguai, Cuba, a Guaiana, a Guaiana Francesa e a Arxentina un dos países de Latinoamérica que permiten abortar sen condicións nas primeiras semanas de xestación, segundo o prazo estabelecido polas súas leis. No Salvador, Honduras, Nicaragua, República Dominicana e Haití está prohibido sen excepcións. 

No resto hai unha serie de supostos como a violación ou a inviabilidade do feto. Entre estes, Paraguai, Venezuela, Guatemala, Perú e Costa Rica teñen lexislacións máis restritivas e só despenalizan o aborto en caso de que a vida da embarazada corra perigo.

En México depende de cada Estado e só é legal sen condicións en Oaxaca e Cidade de México. Tras a votación no Senado arxentino, José Ramón López Beltrán, fillo maior do presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, escribiu no Twitter: "Xa nos toca".