O chavismo gaña nas eleccións municipais a maioría das alcaldías en Venezuela

Unha persoa emite o seu voto nun colexio electoral de Caracas durante as elecciones presidenciais en Venezuela o pasado 28 de xullo. (Foto: Europa Press / Contacto / Marcos Salgado)

Gañou en 304 dos 355 municipios, entre eles Maracaibo, que estaba gobernado pola oposición.

O chavismo obtivo este domingo as principais alcaldías de Venezuela nas eleccións municipais, entre elas a até o de agora opositora Maracaibo —capital do estado Zulia (noroeste)—, mentres que a oposición logrou conservar os caraqueños Chacao e Baruta, segundo os resultados con "tendencia irreversíbel" anunciados polo Consello Nacional Electoral (CNE).

Ademais, o gobernante Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) logrou manter o control que desde hai 25 anos exerce sobre o municipio Liberador de Caracas, onde se atopan as sedes dos poderes públicos e boa parte dos organismos e institucións do Estado, ao ser reelixida a alcaldesa Carmen Meléndezl.

Gustavo Duque e Darwin González foron reelixidos en Chacao e Baruta; Fernando Malena gañou no Hatillo, e Diógenes Lara, do PSUV, en Sucre. En Maracaibo, Gian Carlo Dei Martino, tamén do PSUV, impúxose.

O partido gobernante logrou 23 dos 29 municipios anunciados polo CNE, que sinalou que, con  82,45% das actas escrutadas, o oficialismo gañou 304 das 335 alcaldías en disputa, cunha participación próxima a 44%, que equivale a máis de seis millóns de persoas electoras.

Un total de 2.806 cargos, entre eles tamén 2.471 concelleiros e concelleiras, foron elixidos nestas votacións, rexeitadas pola maior coalición opositora —a Plataforma Unitaria Democrática (PUD)—, que denuncia a falta de garantías tras considerar que houbo "fraude" nas presidenciais de hai un ano, nas que o CNE proclamou gañador ao mandatario Nicolás Maduro.

A xornada electoral desenvolveuse cunha ampla loxística que incluíu a activación de 15.731 centros de votación e 36.347 mesas electorais, divididas entre as eleccións municipais (20.410 mesas) e a Consulta Popular Nacional da Mocidade (15.937 mesas).