Chamamento a alagar as rúas vascas por outro modelo económico: greve xeral en Euskal Herría

[Imaxe: SG]

LAB, un dos sindicatos convocantes, sinala que "non nos faltan razóns" para convocar a que será a sexta xornada de loita obreira e entende que insistir na vía do pacto social "é mostra non só dun sindicalismo esgotado senón tamén dependente do financiamento público, das subvencións"


Os sindicatos ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE, Hiru e CXT-LKN e CNT e @s representantes de máis de medio cento de colectivos sociais que convocan a greve xeral que hoxe, quinta feira 30 de Maio, afronta Euskal Herría, fixeron un chamamento a alagar as rúas para exixir un cambio de rumbo cara á un modelo social máis xusto onde Hego Euskal Herria --os territorios vascos baixo administración española-- poida decidir o seu futuro. 

"Non nos faltan razóns. A propia situación económica e, sobre todo, social, xustifican a convocatoria dunha greve xeral", sostén a secretaria xeral de LAB, Ainhoa Etxaide, en declaracións a Sermos Galiza nunha entrevista publicada no semanario nº48 onde acrecenta que a acción foi convocada "cando o goberno do PNV pon riba da mesa unha axenda ultraliberal con recortes de 1.200 millóns de euros e impón unhas políticas que xa foran rexeitadas maioritariamente noutras cinco greves xerais".

Esta é a sexta greve xeral desde que estourou a crise

Así as cousas, tanto LAB como o resto das centrais sindicais antes citadas confirmaron o incremento nas adhesións á que será a sexta xornada de loita obreira desde que comezou a crise económica. O acto central realizarase en Gasteiz, perto dun Parlamento "que dá as costas á sociedade", constataron. Neste sentido, Adolfo Muñoz, secretario xeral de ELA, demandou canda Etxaide que a sociedade vasca "dea un paso máis e venza o medo de maneira colectiva" para enfrontar "o ataque inmisericorde que sofren os dereitos sociais e laborais". 

"Cómpre construír un muro de contención ás exixencias do capital especulativo e hai que contrapor unha axenda social real a esoutra ultraliberal que se nos impón", subliña a máxima responsábel de LAB en conversa con este xornal, remarcando que Euskal Herria impulsará "unha carta social de dereitos" para o pobo vasco porque "non estamos dispostos a ser suxeitos pasivos cando os gobernos non queren enfrontarse ao poder económico, que é quen decide que a pobreza sexa a realidade de cada vez máis persoas". 

Así, Etxaide destacou que namentres unha crecente proporción sofre o paro, os recortes laborais e sociais, "as empresas do Ibex seguen a obter enormes beneficios económicos". Segundo os datos que facilita, foron 25.000 millóns o ano pasado e anuncian outros 35.000 millóns de beneficios durante este ano.  "O 94% desas compañías teñen sociedades en paraísos fiscais e o 4% do PIB destínase a pagar unha débeda ilexítima, case 40.000 millóns", conclúe. O seu homólogo en ELA, Adolfo Muñoz, enfatizou que "na actualidade é máis democrático participar nunha greve xeral que estar nun Parlamento" e engadiu que a mobilización obreira persegue "modificar unha política que está a adoptar o papel de marioneta ao servizo do capital máis codicioso". 

Até 46 centrais sindicais de 30 países apoian a greve

LAB anunciou que recibiron mensaxes de apoio de 46 centrais sindicais de 30 países e nacións do cinco continentes. Entre as centrais sindicais que mostraron o seu apoio destacan PAME (Grecia), USB (Italia), SAT (Andalucía) PEO (Chipre), a CTA (Arxentina), CTB e CGTB (Brasil), Unete (Venezuela), CITU e AITUC (India). Tamén varias centrais doutras nacións dos Estados español e francés, entre as que citan as galegas CIG e CUT; as catalás Intersindical CSC, COS e IAC; a asturiana CSI; a Intersindical Canaria e FSOC; as aragonesas de CUT, Intersindical de Aragón e Purna; ou Cobas e a Coordinadora Sindical de Clase (CSC). A STC de Córsega; ou as francesas NPA e Solidaires.

Organizacións sindicais internacionais tamén apoian a protesta vasca, entre as que destacan a Federación Sindical Mundial (FSM), que representa 82 millóns de traballador@s de todo o mundo; a Plataforma de Sindicatos de Nacións sen Estado (PSNSE), así como outras organizacións sindicais internacionais de carácter sectorial, como as Unións Internacionais de Sindicatos (UIS) de Servizos Públicos, de Metal e Minería, ou de Construción e Madeira.