O Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades quere que todos os adultos reciban a terceira dose

Imaxe de arquivo: proceso de vacinación do persoal sanitario na área de Vigo (Foto: Sergas).
Fai un chamamento aos países a "considerar unha dose de reforzo para todos os adultos de 18 anos ou máis", poñendo como prioridade as persoas maiores de 40 anos.

A directora do Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC), Andrea Ammon, emitiu esta cuarta un contundente comunicado no que pediu "medidas sanitarias urxentes" para combater a vaga de Covid-19 que afecta case toda Europa.

Ao facelo, Ammon pide combinar máis restricións coa aceleración da vacinación da terceira dose "a todos os adultos".

A líder do ECDC asegura que "a carga potencial da variante Delta será moi elevada en decembro e xaneiro" e que a cobertura de inmunización "segue sendo inferior á desexada".

Incluso en rexións cunha alta taxa de vacinación, como Galiza, Ammon sinala que "aínda hai demasiadas persoas con risco de infección grave por Covid-19 ás que debemos protexer canto antes". Na actualidade, menos do 70% da poboación total da Unión Europea está totalmente vacinada.

Asegura que "a carga potencial da variante Delta será moi elevada en decembro e xaneiro" e que a cobertura de inmunización "segue sendo inferior á desexada"

Ademais, fai un chamamento aos países a "considerar unha dose de reforzo para todos os adultos de 18 anos ou máis", poñendo como prioridade as persoas maiores de 40 anos.

"Trátase de aumentar a protección contra a infección debido á diminución da inmunidade, o que podería reducir a transmisión á poboación e evitar hospitalizacións e mortes adicionais", di.

A mensaxe foi recollida pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, quen dixo que "está claro que hai que intensificar a vacinación para controlar a pandemia" e confiou en poder "convencer" á poboación de que "aínda resiste a vacina".

Así, di que "a dose de reforzo debería estar dispoñible para todos os adultos" e pediu manter a distancia e a máscara.