Quen é quen na guerra en Oriente Medio? O envío de tropas a Irán, ou non, a decisión clave de Donald Trump
As motivacións reais e a propaganda para lexitimar unha guerra son cousas que nunca tenderon a coincidir historicamente, e a agresión dos EUA e Israel non só non é unha excepción, senón que é un exemplo paradigmático. Neste sentido, as causas dunha guerra non son un asunto sinxelo ou simple, senón que implican unha confluencia de factores de diversa tipoloxía.
Con todo, a análise dos intereses xeopolíticos dos actores que participan nunha contenda bélica, sexa por escolla ou por obriga, permiten percibir, coas premisas adecuadas, algunhas das principais razóns que levan un país a desenvolver unha agresión como a que actualmente sofre Irán.
Entón, a pregunta lóxica é, que incentivos ten unha potencia mundial como os Estados Unidos para meterse nunha guerra como esta? A resposta curta é o control das rutas comerciais, que os EUA buscan eliminar a influencia do Irán sobre un punto clave para o tránsito de mercadorías como é o estreito de Ormuz. Porén, a derivada, e non por iso menos importante, é que a potencia norteamericana busca conseguir este primeiro obxectivo para afondar noutro, poder liberar os esforzos de control no golfo Pérsico para concentrar as forzas na disputa polo control da rexión Asia-Pacífico co seu maior rival, a China.
Neste contexto, o aliado principal dos EUA para desenvolver esta guerra é Israel, mais isto non significa que os obxectivos que persiga o Estado sionista sexan os mesmos. Os Estados Unidos desexa unha guerra curta que force un cambio cara a un réxime no Irán favorábel aos seus intereses de control das rutas comerciais, sen necesidade de gastar moitos recursos, ter baixas ou abandonar as súas bases militares na rexión.
Porén, a Israel si que lle interesa unha guerra longa e si ten incentivos para enviar tropas ao terreo. Comparte cos EUA a meta principal de destruír a capacidade de influencia do Irán, mais a súa estratexia non conflúe nin na forma de conseguilo nin nos obxectivos secundarios. Unha contenda prolongada posibilitaría debilitar Arabia Saudita e favorecería que os Estados Unidos apostasen por minguar a súa presenza na rexión unha vez rematado o conflito.
Neste escenario, no caso dunha caída do actual Irán, cunha Arabia Saudita débil e cuns EUA que aposten por unha saída progresiva das súas bases en Oriente Medio, Israel pasaría a ser o xendarme da rexión, tendo máis facilidade para facerse cos recursos que ansia e menos oposición para satisfacer as aspiracións expansionistas do seu denominado 'Grande Israel'.
Mais nese caso, por que os Estados Unidos poderían acabar caendo nunha guerra longa con tropas no terreo que non desexan? Os EUA son unha potencia mundial que se embarcou nun conflito sen marcar unha estratexia clara en función dos escenarios, e unha das opcións sobre a mesa é a de buscar unha saída, proclamando determinados logros da operación para evitar máis gastos e baixas.
Porén, unha potencia hexemónica como os Estados Unidos, que pretenden seguir a selo, non pode ter entre os seus plans saír dun conflito cunha derrota, senón que ten que mostrar fortaleza ante os rivais. Ademais, as guerras non son alleas ás dinámicas internas dos países, e nos EUA hai unhas eleccións de medio termo en novembro, polo que o presidente, Donald Trump, podería preferir rematar dobrando a aposta con tropas no terreo que saír do golfo Pérsico cun estrepitoso fracaso.
Unha saída a tempo conservando as bases na rexión e cun Irán que xa sufriu fortes consecuencias, aínda que non lograría realizar cambios de intensidade no status quo de Oriente Medio, non suporía un importante shock para os EUA. Por contra, entrar nunha guerra longa que supoña gastar recursos e ter baixas tería importantes consecuencias económicas e sociais nos Estados Unidos. Con todo, talvez Trump xa non estea aí para chegar a sufrilas, polo que podería facer unha aposta que, de perderse, pagará outra persoa. Ademais, non se pode perder de vista a influencia sionista sobre o poder político estadounidense.
A perspectiva do Irán
Irán é, a priori, a parte débil do conflito, ademais da agredida. Mais non por iso deixa de ter obxectivos xeopolíticos claros no contexto sobrevido. O país persa ten control sobre o estreito de Ormuz, mais este é moi relativo. Cun despregue tan importante de forzas estadounidenses na rexión, a ameaza militar non lle permite (ou permitía) actuar con marxe sobre o tránsito de mercadorías.
Debilitar os Estados Unidos e os seus aliados do golfo Pérsico cunha guerra de desgaste, e conseguir así que os EUA abandonen as súas bases militares na zona, permitiría ao Irán ser a potencia rexional que controle o paso marítimo, mesmo cobrando taxas ou empregando a ameaza do veto ao tránsito como ferramenta disuasoria nas relacións internacionais.
É por isto que unha estratexia principal do Irán é o ataque sobre as bases estadounidenses e os seus intereses nos países do golfo Pérsico. Nun contexto de guerra prolongada na que o país persa empregue unha estratexia de dispersión das súas forzas e aproveitamento da orografía –a maioría do territorio iraniano comprende lugares difíciles de invadir como cadeas montañosas e deserto, nos que o Exército ten facilidade para esconder os seus efectivos e o seu material– para castigar desde diferentes puntos as forzas inimigas podería xerar dous escenarios favorábeis para o país persa no caso de vitoria. Un sería que os propios Estados Unidos consideren que o esforzo de defender as súas bases non compensa o feito de telas, o outro sería que os propios aliados dos EUA consideren que xa non lles compensa que estas sigan alí.
Neste sentido, a propia expulsión dos Estados Unidos da rexión sería un obxectivo xeopolítico do Irán, alén do control das rutas comerciais. E, por outra parte, aparecería un terceiro aliciente para o esforzo do país persa en resistir ante a agresión, debilitar Israel. Tehran non pode aspirar a eliminar o Estado sionista como rival na rexión e, ademais, ten que medir moi ben o grao que alcanzan os seus ataques contra el, e o motivo é o armamento nuclear.
Mais o feito de non ter capacidade para eliminar Israel como rival xeopolítico non implica que non o poida debilitar. Nun conflito longo no que Irán consiga unha derrota dos seus inimigos, os agora aliados dos EUA estarían obrigados a entenderse co país persa para comerciar, e mesmo o Estado sionista tería que aceptar un equilibrio con el como as dúas potencias asentadas na rexión.
Arabia Saudita, cuarto actor
Entre os países do golfo Pérsico emerxe un actor sobre o resto pola súa importancia a nivel territorial e poboacional, Arabia Saudita. E, precisamente, o cuarto actor do conflito é o máis débil, sen que por iso deixe de ter obxectivos. Desde un papel pasivo, o escenario positivo para o país controlado pola dinastía Saud é o da destrución do seu rival iraniano, un desgaste dos EUA que lles faga abandonar ou minguar a presenza na rexión, e un Israel debilitado. Só neste caso, conseguiría ser unha das dúas potencias rexionais.