Case unha de cada tres mulleres no mundo padeceron violencia física ou sexual
Como mínimo 840 millóns de mulleres de 15 anos ou máis, case unha de cada tres mulleres no planeta, sufriron violencia física ou sexual cando menos unha vez na vida. O máis habitual é que os agresores sexan as súas parellas masculinas, sentencia o informe Estimacións de prevalencia da violencia contra a muller, 2023, efectuado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización das Nacións Unidas (ONU) de cara ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que
decorre a terza feira.
O pasado ano, arredor de 50.000 mulleres e nenas foron asasinadas polas súas parellas ou outros familiares, o que implica que mataron 60% das arredor de 83.300 mulleres que sufriron un homicidio no mundo. Cada xornada 137 mulleres e nenas foron asasinadas. Pola contra, apenas 11% das mortes violentas rexistradas de homes foi atribuída á parella ou á familia.
A violencia machista afecta as mulleres en todo o mundo, mais as que moran en países de ingresos máis baixos, inmersos en conflitos bélicos ou especialmente vulnerábeis ao cambio climático a padecen de “forma desproporcionada”, sinala a ONU.
Nese sentido, en Oceanía (sen incluír Australia e Nova Zelandia) 38% das mulleres de máis de 15 anos e que tiveron parella sufriron violencia a mans dela no último ano, un díxito que se reduce a 18% en Asia central e meridional, 17% na África subsahariana, 7% en América Latina e o Caribe e 5% en Europa e América do Norte.
Outro dos grupos máis afectados é o das adolescentes de 15 a 19 anos. Até 16% das que xa tiveron unha relación foi obxecto de abusos físicos ou sexuais da súa parella. Tamén se detectou unha taxa máis alta de violencia contra as mulleres con diversidade funcional en relación ás que non a teñen, cun risco aínda maior se obteñen ingresos baixos.
O certo é que nos últimos 20 anos o índice de diminución da violencia machista no ámbito das parellas foi de 0,2% anual, láiase o informe.
Asemade, as mulleres que logran sobrevivir ás agresións adoitan ter que soportar múltiples problemas de saúde que se manteñen unha vez finalizada a violencia, cunhas taxas maiores de “depresión, trastornos de ansiedade, embarazos non desexados e infeccións de transmisión sexual” como o VIH que as que non a sufriron.
Contorna tecnolóxica
Máis alá da violencia física, o estudo tamén apunta aos espazos tecnolóxicos, nos que por unha banda constata a “proliferación e normalización de contidos misóxinos a través da machosfera”, e pola outra o peso do acoso nesta contorna. Na Unión Europea (UE) unha de cada dez mulleres de máis de 15 anos sufriron ciberacoso, con “correos electrónicos ou mensaxes SMS non desexadas, sexualmente explícitas ou ofensivas, ou contactos inapropiados e ofensivos nas redes sociais”.
Isto esténdese ao tempo ao terreo público. En cinco rexións do mundo, 82% das lexisladoras transmitiron ter sufrido violencia psicolóxica, a meirande parte por medio das redes sociais. Até 65% recibiu comentarios sexistas, de maneira principal de parlamentarios homes. No tocante ás xornalistas, a violencia usando internet afectou 73% .
A pesar destes datos as diversas lexislacións estatais seguen moi lonxe de protexer mulleres e nenas, pois 86% delas vivían en 2022 en estados nos que non había unha “sólida protección xurídica” para garantir os seus “dereitos humanos fundamentais”. Nesta liña, máis de 60% deles non contan con leis contra as violacións baseadas no consentimento, e menos da metade das mulleres está protexida legalmente contra o acoso por internet.
“A violencia contra as mulleres é unha das inxustizas máis antigas e estendidas da humanidade, e aínda así segue a ser unha das que menos atención recibe”, denunciou Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da OMS, que fixo énfase en que “pór fin a esta violencia non consiste simplemente en aplicar políticas públicas, é unha cuestión de dignidade, igualdade e dereitos humanos”.
Desde a perspectiva económica, a fenda salarial é de 24%, e requirirá 170 anos acabar con ela a este ritmo. Aliás, as mulleres asumen entre dous e dez veces máis traballos de coidados, non remunerados, que os homes. A contribución económica destes coidados é de máis de nove billóns de euros anuais. Se as cousas non mudan serán precisos case 300 anos para conseguir a igualdade de xénero.
Límites ao aborto
No referente ao aborto, en 24 estados segue prohibido en calquera caso e en 75 permítese libremente nas primeiras semanas de xestación. No resto está circunscrito a condicións moi ríxidas, e en arredor de 60 estados só deixa de ser un delito se está en risco a vida da nai.
Así e todo, incluso en lugares nos que en teoría está legalizado a situación para as mulleres que deciden abortar é cada vez máis difícil, como acontece en Italia, onde a chegada da ultradereitista Giorgia Meloni ao poder levou a unha intensificación das restricións para obstaculizar ao máximo na práctica exercer este dereito, con hospitais onte 100% do persoal é obxector e con entidades antiabortistas nas clínicas.
A suba da ultradereita, un factor chave
Malia a diversidade de posturas en cuestións tácticas entre as forzas de extrema dereita no mundo, as políticas e os argumentos contra a igualdade entre homes e mulleres son centrais no seu discurso, corroboraron varias publicacións científicas, explicando que as súas posicións pivotan ao redor dos roles de xénero característicos das sociedades patriarcais, o que motivou por exemplo en Hungría a prohibición dos estudos de xénero.
Nese marco, e en alusión á alza da ultradereita nos países occidentais, organizacións como Oxfam advertiron das potenciais consecuencias de que se consolide esta tendencia, pois en lugares como os Estados Unidos, a Arxentina, Polonia, Italia ou Hungría as mulleres xa están a ver un retroceso nos seus dereitos fundamentais.