Carlos Aymerich: "O modelo de Israel vai colapsar, é un proxecto colonial europeo fóra de tempo"
“Creo que hai unha única solución que é cumprir o dereito internacional, está moi ben falar de dous Estados como unha fórmula, en todo caso, transitoria”, mais iso implica que a única vía é “descolonizar” o territorio e “ir a un único Estado, laico, democrático, seguramente binacional”, que recoñeza o dereito ao retorno das e dos palestinos, sentencia a Nós Diario Carlos Aymerich, colaborador deste xornal e tradutor ao galego de Brevísima historia do conflito entre Israel e Palestina, de Ilan Pappé.
Aymerich, que xa traducira Pandemia. A Covid-19 sacode o mundo (2020) de Slavoj Zizek, pensa “que o modelo actual de Israel vai colapsar”, salientando que non é máis que “un proxecto colonial europeo fóra de tempo”, pois nace cunha decisión da Organización das Nacións Unidas (ONU) –sobre a que a obra detalla “como conseguiu a maioría co apoio dos Estados Unidos” e, de forma “circunstancial”, da Unión Soviética–, un organismo creado “xustamente para o contrario”, e que recoñeceu o dereito á libre determinación dos pobos e á resistencia contra os colonizadores.
Iso si, matiza que non estaba só, pondo como exemplo o caso de Suráfrica e pormenorizando ao tempo que “sería un modelo de colonialismo de asentamento similar” ao aplicado polos Estados Unidos, Australia ou Arxentina no século XIX, “que era directamente o exterminio dos pobos orixinarios” no que se coñece como Patagonia e Terra do Fogo. Isto débese a que, a diferenza do caso surafricano, os sionistas non vén sequera o pobo palestino como “man de obra barata para ser explotada”.
Para iso, os asquenacís –persoas de relixión xudía procedentes de Europa e que constitúen “a elite” do Estado– xa teñen “aos xudeus que chegaron dos países árabes, de Etiopía ou os sefardís”.
De feito, “o sionismo non é máis que o colonialismo europeo aplicado por persoas que tamén proveñen de Europa”, algo consistente co momento no que naceu, a finais do século XIX nese continente, “no momento do Congreso de Berlín”, no que países europeos se repartiron África, e foi creado co obxectivo de estabelecer “un punto avanzado de Occidente en Asia”, o “que levou o Imperio Británico a apoiar a declaración Balfour”.
Tamén, fronte á afirmación sionista de que o Holocausto –no que foron asasinados amais de xudeus soviéticos, comunistas en xeral, persoas LGTB+ ou romanesas entre outras– foi un evento único a nivel histórico, incide en que “o pensamento colonial e os movementos de liberación nacional sempre dixeron que de único nada”, e coloca como factor diferencial que “supuxo aplicar en Europa e sobre persoas brancas o que colonialismo europeo viña facendo desde había séculos noutras zonas do mundo e sobre persoas racializadas”, lembrando o xenocidio dos herero e namaqua, tamén a mans dos alemáns, a comezos do século XX ou a morte de case tres millóns de persoas en Bengala ao “provocar” o primeiro ministro británico Winston Churchill “unha fame negra”.
Ao respecto do xenocidio en Gaza, Aymerich subliña que “non sei se é a culminación pero é desde logo unha consecuencia necesaria” do sionismo, posto que “sempre dicían que se [o pobo palestino] marcha, ben, pero se non algo imos ter que facer con eles”, un aspecto no que “hai un paralelismo coa solución final aplicada polos nazis ao que chamaban a cuestión xudía”, indicando que inicialmente valoraron expulsalos “incluso a Madagascar”.
"O que nos toca é apoiar"
No que atinxe ao autor, “pareceume primeiro un historiador ben interesante e rigoroso”, “cun periplo vital ben excepcional” ao tratarse dun israelí nado en Haifa ao “que se lle deu por facer historia en serio” e ser “coherente coa súa ideoloxía de esquerda e antiimperialista”, o que causou que fora perseguido en Israel e tivera que marchar ao Reino Unido, aclara o tradutor á hora de dilucidar os motivos da elección do libro.
Sobre este punto, fai fincapé en que foi publicado case ao mesmo tempo en galego que en castelán e “creo que na situación actual pois serve para nos situar” e “comprendermos mellor cal é a lóxica que está detrás”, amais de entender a “reacción e as accións da resistencia palestina”, sostendo que o libro deixa claro que se debe “recoñecer o seu dereito á resistencia, e que aos demais o que nos toca é ser solidarios e apoiar, non andar xulgando se a resistencia debe ser así ou doutro xeito”.