Foro Económico Mundial

O cambio climático agrava a pobreza e a desigualdade

O presidente dos EUA, Donald Trump, chegando en helicóptero a Davos (Europa Press)
A coñecida como "emerxencia climática" capitalizou o debate en Davos dentro dun amplo abano de temas centrados en "salvar o capitalismo". Queda por ver se foi así por unha cuestión filantrópica ou porque o quecemento global comeza a pasar factura nos petos dos poderosos. 

As emisións de carbono crecen e as temperaturas soben, mais o impacto do cambio climático non se sente de forma igual en todo o mundo. Segundo o informe que acaba de publicar o Departamento Económico e de Asuntos Sociais da ONU, Situación e perspectivas da economía mundial en 2020, o quecemento global está a provocar que os países pobres sexan aínda máis pobres.

A publicación do documento coincide no tempo coa xuntanza en Davos do Foro Económico Mundial (WEF, polas súas siglas en inglés), que durante toda esta semana está a abordar diferentes temas encamiñados a "salvar o capitalismo do capitalismo", a facer participes dos beneficios deste sistema económico as traballadoras e traballadores e mailas comunidades. Un benintencionado obxectivo que, porén, transita polos universos do oxímoro.

Dentro desta ampla temática tratada, a "emerxencia climática" ─un termo nacido nos movementos ecoloxistas e que acabou callando e sendo instrumentalizado polas elites económicas e políticas─ ocupa un lugar preeminente. Fóra do espectáculo mediático e superficial que supón o enfrontamento de visións sobre a conservación do ambiente entre unha adolescente de 17 anos e o home máis poderoso do planeta, Davos serviu para encher de certo contido ese continente de "emerxencia climática".

A xornada de onte foi especialmente intensa, con seis mesas de debate: O reto da enerxía global; Acordar un New Deal verde; Risco climático e resposta: perigos físicos e impactos socioeconómicos; Que está en xogo: os nosos océanos; Turismo responsábel na idade do cambio climático, e A sociedade de usar e tirar. (Todos os coloquios poden ser consultados na web do WEF e na súa canle en YouTube). 

Mais foi na primeira xornada do WEF cando se puido escoitar un dos testemuños máis potentes. Hindou Oumarou Ibrahim, presidenta da Asociación de Mulleres Indíxenas e Pobos do Chad, fixo un chamamento de urxencia: "No Sahel a xente que está a morrer está a morrer por causa do cambio climático. Cando se fala de 2050, penso: 'non vai haber solución até 2050?'. Necesitámola xa".

Punto de non retorno

Segundo informaron recentemente varias axencias internacionais de meteoroloxía, a última década foi a máis quente desde que se teñen rexistros, e o Grupo Intergobernamental de Expertas e Expertos sobre o Cambio Climático leva tempo advertindo de que estamos a piques de chegar a un punto de non retorno ao respecto do cambio climático e das súas consecuencias catastróficas.   

O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, resúmeo así: "Vivirmos nunha prosperidade compartida, dentro da capacidade do noso planeta para nos poder manter, require que deixemos atrás a industria baseada no carbón e na explotación intensiva de recursos. Debemos priorizar no seu lugar o consumo e a produción sustentábeis, unha forma de vida que permita o crecemento económico ao tempo que asegura a protección planetaria".

O peche desas industrias contaminantes traerá consigo a perda de postos de traballo. O informe económico da ONU para 2020 non é alleo a esta circunstancia, mais apunta que a "ecoloxización" (greening é a palabra usada no documento) da economía global podería levar á creación de emprego coa potencialización destes sectores.

"Inxustiza"

Porén, hai voces que non opinan igual. Un dos documentos de debate en Davos, elaborado polo avogado camerunés e defensor do desenvolvemento do sector enerxético africano NJ Ayuk, pon de manifesto a "inxustiza" que supón exixir aos países africanos que renuncien ás industrias baseadas no carbón e noutros combustíbeis fósiles: "Non podemos esperar das nacións africanas ─que todas xuntas emitiron o ano pasado sete veces menos CO2 que a China e catro veces menos que os EUA (...)─ que socaven as súas mellores oportunidades de desenvolvemento económico para se aliñaren coa visión dos países occidentais de como pór freo as emisións de carbono".

Nese mesmo documento para o debate, Ayuk explica que "mentres que algunhas nacións do continente africano levan décadas producindo hidrocarburos, a maioría destes recursos foron exportados para impulsar o desenvolvemento industrial en Europa, os Estados Unidos e Asia". 

Ademais, lembra que "case a metade dos habitantes de toda África aínda non teñen acceso á electricidade" e que "case todas as compañías do continente se teñen que enfrontar co problema da falta de seguridade na potencia eléctrica, algo que eleva os custes, reduce a produtividade e dana a súa capacidade de competir nos mercados internacionais", xusto cando "finalmente comezan a facer uso destes recursos para desenvolveren as súas economías nacionais". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.