Máis de 175 mil persoas

Cadea humana entre Donostia, Bilbo e Gasteiz polo dereito a decidir

[Imaxe: @gara_miantzi]

Un total de 201,9 quilómetros de cadea humana. Trátase do maior desafío do colectivo Gure Esku Dago, que convocou milleiros de persoas a unir no domingo Donostia, Bilbo e Gasteiz polo dereito a decidir.

Un día antes de que a cadea humana tivese lugar, xa se albiscaba o suceso da iniciativa, “dixemos que para compoñer a cadea humana, necesitaríamos 100.000 persoas e hoxe podemos afirmar que esa cifra xa a superamos”, afirmaban perante os medios, o sábado, os portavoces de Gure Esku Dago, Angel Oiarbide e Jone Amonarriz, que engadían que a plataforma recompilou os motivos polos que o pobo vasco quere decidir.

 

“Aínda que as razóns son plurais e diversas, todas teñen en común a falta de capacidade para decidir aquí”, salientaron os portavoces, que presentaron 2.019 motivos a favor do dereito a decidir. Un documento que presentarán tamén no Parlamento de Nafarroa.

 

As previsión das organizadoras e organizadores desbordáronse e, finalmente, participaron na cadea humana máis de 175.000 persoas, segundo as persoas convocantes.

 

“Ábrese o ciclo da convivencia”

 

“Está a abrirse en Euskal Herria o ciclo da convivencia, a soberanía e a decisión. Hoxe miles de cidadás e cidadáns demostramos que queremos decidir o futuro político deste pobo”, afirmaron Angel Oiarbide e Jone Amonarriz ao finalizar o acto co que lle puñan punto final á cadea humana. “Cada vez somos máis conscientes da forza que temos para promovermos cambios na sociedade”, engadiron a respeito das mobilizacións que tiveron lugar nos últimos meses.

 

A fórmula para decidir, acrecentaron, “temos que deseñala e decidila entre todas e todos, logrando acordos amplos, debatendo, contrastando opinións e modelos de maneira libre e democrática”. “O exercicio do dereito a decidir será chave no próximo ciclo porque é un instrumento fundamental para garantir a convivencia e permite defender todos os proxectos políticos en igualdade, sen exclusións”, afirmaron.

 

Na mesma liña, Angel Oiarbide e Jone Amonarriz salientaron que “só queremos tomar a palabra, afondando en democracia, para decidirmos de forma soberana”. “Non temos medo á liberdade. Estamos no camiño. Imos decidir”, concluíron os portavoces de Gure Esku Dago.

 

Ampla representación política

 

Entre as persoas que conformaron a cadea humana atopábanse facianas coñecidas da política vasca, como Arnaldo Otegi (EH Bildu); o presidente do EBB do PNV, Andoni Ortuzar; Arkaitz Rodríguez (Sortu) ou mesmo Pili Zabala, de Podemos. Tamén participaron a presidenta do Parlamento de Gasteiz, Bakartxo Tejeria; o deputado xeral de Gipuzkoa, Markel Olano; ou os alcaldes de Bilbo, Donostia e Gasteiz, Juan Mari Aburto, Eneko Goia e Gorka Urtaran, así como os secretarios xerais de ELA e LAB, Aldolfo Muñoz e Garbiñe Aranburu.

 

Tampouco faltaron representantes das forzas soberanistas catalás, como o deputado de ERC Gabriel Rufián os representantes de Òmnium Cultural, Ignasi Termes, e da ANC, Elisenda Paluzie.

 

Na esfera deportiva, o club de fútbol do Athletic tamén se sumou de maneira expresa á cadea polo dereito a decidir.

 

Reaccións

 

A través da súa portavoz no Parlamento vasco, Maddalen Iriarte, Bildu –forza política que contou cunha nutrida representación na cadea– emprazou os responsábeis políticos a “non fechar os ollos perante os miles de cidadáns vascos” que apoiaron este domingo a cadea humana a favor do dereito a decidir.

 

Pola súa banda, o PSE, a través do seu secretario de Organización, Miguel Ángel Morales, criticou a presenza de cargos institucionais na cadea humana. Considera que a presenza destas persoas con responsabilidades nas institucións vascas representa “un papel que non lles corresponde”, pois “débense a reivindicacións útiles para mellorar a vida de todas e todos e non a mobilizacións de parte”.