Bruxelas fai unha oferta de última hora a Grecia

Non transcenderon os detalles da mesma. Alexis Tsipras tería que dar a súa conformidade coa mesma antes do inicio da xuntanza do Eurogrupo. Hoxe vence o prazo para o pagamento por Atenas de 1.600 millóns de euros ao FMI.

Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión europea, fixo unha oferta de última hora a Atenas, segundo informan medios europeos, se ben non transcendeu o contido desa oferta. Unicamente, que Alexis Tsipras tería que enviar a súa aceptación por escrito da mesma antes do comezo da xuntanza de urxencia que o Eurogrupo realiza hoxe. Un compromiso de pedir o voto polo ‘si’ no referendo do domingo.

Mais non parece que iso vaia suceder. Fontes gubernamentais gregas citadas por axencias europeas afirman que Tsipras “está a escoitar con atención a proposta” se ben sosteñen que o voto que pida vai ser o non.

Pagamento

Salvo algún pincha-carneiros inesperado, Grecia non vai pagar esta terza feira os 1.600 millóns de euros ao FMI, o que suporá un paso que ensanchará máis a fenda entre Atenas e as institucións. Os líderes europeos falan de que están abertos a dialogar e negociar, mais xa están en plena campaña contra Syriza e a prol do ‘si’ na consulta do domingo.

Un destacado dirixente da CSU, partido “irmán da CDU de Angela Merkel en Baviera, defende unha saída “ordenada” da Grecia da zona euro, por considerar que esa é a mellor opción para todas as partes. Markus Soeder, titular de Finanzas do estado da Baviera, dixo á radio Deutschlandfunk que un plan de saída “ordenado e con criterio” sería o “mellor camiño”.

Medidas legais para bloquear a saída do euro

Grecia estuda medidas legais contra as institucións comunitarias para bloquear a súa saída do euro, segundo o ministro heleno de Finanzas, Yanis Varufakis. “O goberno grego fará uso de todos os nosos dereitos legais”, dixo a The Daily Telegraph. Atenas ameazou con presentar unha orde xudicial non só para bloquear a expulsión do país do euro, senón para evitar a asfixia do seu sistema bancario.