Bruxelas e Atenas selan un terceiro resgate para Grecia con duras medidas e recortes

Apòs 17 horas de reunión atinxiuse un acordo que contempla fortes recortes e reformas en pensións, e mercado laboral ou unha vaga de privatizacións. O ministro heleno de Traballo vaticina eleccións anticipadas. Tsipras recoñece que as medidas "van ser difíciles" e Merkel anuncia que "as tres institucións" (Troika) supervisará o cumprimento do acordo.

Grecia terá un terceiro rescate mais a un prezo que favorece o pesimismo de se preguntar que vai ficar para ser resgatado. Após 17 horas de reunión entre os líderes da zona euro finalmente houbo acordo, e por unanimidade, algo anunciado minutos antes da apertura das bolsas europeas para que o mercado dese a benzón a un pacto que contempla medidas máis duras, segundo medios europeos, que as que os gregos rexeitaron no referendo do pasado domingo. Non é doado negociar cunha pistola na cabeza, e en certa medida, iso é o que pasou con Alexis Tsipras, entre a espada (a expulsión do euro) e a parede (a falla de liquidez dos bancos gregos). De pouco semella que valeu a tímida defensa que da postura Grecia fixo nestes últimos días Francia fronte a unha posición encabezada por Alemaña - e non só- de dureza e castigo exemplar.

Alexis Tsipras após a reunión do Eurogrupo: "Sei que algunhas medidas van ser difíciles"

Así que finalmente houbo acordo por unanimidade para o terceiro rescate a Grecia. Mais Atenas vai ter que facer uns 'axustes' durísimos, algúns deles nas vindeiras 48 horas. E o acordo vai ter que ser aprobado polo Parlamento heleno, algo que pode acontecer a cuarta ou quinta feira, segundo as primeiras previsións. O documento que vai ter que votar a Cámara helena contempla medidas moi duras: suba do IVE, recortes en pensións -tamén nas máis exiguas-, creación dun fondo de privatizacións por 50.000 millóns de euros (fondo fiduciario con activos públicos que serán privatizados)... E máis medidas: reformas no mercado laboral e na administración... E, ademais, non haberá quita nin reestruturación da débeda, segundo xa deixou ben claro Merkel.

Supervisión da 'Troika', unha "humillación" especial 

Na comparecencia ante a imprensa, a chanceler alemá, Ángela Merkel, anunciou que "as tres institucións volverán supervisar o acordo", o que supón unha 'humillación' cara ao goberno grego, ao que se supedita ao control da 'Troika'. Merkel tamén afirmou que "non haberá recorte de débda. Cando vexamos que Grecia fai as reformas, falaremos quizás de alongar o prazo de pagamento". Nin quita nin reestruturación, pois.

Merkel anunciou que o acordo non contempla nin quitas nin reestruturación da débeda. "Se Grecia cumpre, falaremos quizás de alongar os prazos de pagamento", dixo.

De por parte, Alexis Tsipras recoñeceu que algunhas medidas serán difíciles", mais apuntou a que "este acordo mantennos no sistema financeiro e danos posibilidades de medrar". O primeiro ministro tamén dixo que "estou seguro de que o pobo grego apoiará este acordo".

Membros do executivo Syriza vaticinan eleccións anticipadas

A oferta de rescate que se propuña a Grecia é inviábel e requerirá o apoio da oposición ou ben crear un goberno de unidade nacional, manifestou pouco antes de se dar a coñecer o acordo o ministro de Traballo, Panos Skourletis, vaticinando que se esta a camiñar cara a un escenario de eleccións anticipadas. Skourletis afirmou que @s deputad@s que vetaran os termos do rescate estaban a discutir se debían dimitir. "En circunstancias diferentes, se houbese unanimidade, se non houbese control de capitais e un problema bancario, eu diría que teriamos que realizar eleccións anticipadas".