Bolivia, a revolución que resiste
Hai unha illa no medio do refluxo conservador en América Latina. Bolivia. Analisamos este asunto no Sermos262. Eis un avanzo.
O golpe institucional no Brasil contra Dilma Rousseff, a vitoria de Mauricio Macri en Arxentina, a maioría opositora na Asemblea Nacional venezuelana –hoxe en desacato e superada polo proceso constituínte en curso–, son fitos que marcan un punto de inflexión que ameaza con botar abaixo os importantes avanzos atinxidos polos gobernos progresistas e os seus procesos de mudanza. En medio desa disputa, Bolivia acabou por ocupar un papel de relevo na política continental. O seu goberno, sob o liderado do sindicalista indíxena Evo Morales, resiste coa forza dun apoio popular que non minguou. Hoxe a esquerda latinoamericana ten no proceso boliviano, con máis dunha década de andaina, unha referencia tanto teórica como práctica.
O vindeiro 18 de decembro vanse facer doce anos da vitoria electoral que colocou na presidencia de Bolivia un líder cocalero, indíxena e sindicalista. Evo Morales atinxía nos comicios de 2005 o apoio do 52%, á calor da denominada ‘guerra da auga’ decorrida no lustro anterior. Un triunfo que reeditou en 2009 e 2014, sempre con máis do 50% dos votos en primeira volta. En 2008 saíu vitorioso tamén dun referendo revogatorio, antesala do intento de golpe de 2009. Os gobernos de Morales supuxeron unha transformación de dimensións históricas. O mandatario valorizaba o traballo realizado afirmando que os seus 11 anos de goberno supuxeran máis avanzos para o país que os 180 anos anteriores desde a proclamación de independencia. Podería resultar, a primeira vista, un balanzo exaxerado. No entanto, debullar nas conquistas atinxidas visa que a afirmación non se afasta demasiado da realidade material.
CRECEMENTO E XUSTIZA SOCIAL
O salario mínimo nacional pasou de 500 bolivianos (50 euros) en 2006 a 1805 (180 euros) en 2016. A taxa de emprego é a máis baixa do continente, un 5,4% e a extrema pobreza reduciuse do 38,2% ao 16,8%. As políticas sociais foron e son un elemento central na axenda política boliviana. Cunha ambiciosa política de vivenda pública e infraestruturas, a creación dun servizo sanitario integral e universal, ou o reforzamento do ensino público.
[A reportaxe íntegra, unha dupla páxina, aparece no Sermos Galiza número 262, xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]