X Convención

O Bloco de Esquerda mostra a vontade de ser Goberno

[Imaxe: Tom Kucharz] Mariana Mortagua

“A forza máis poderosa do Goberno de Portugal”. Esta é a vontade do Bloco de Esquerda, segundo Filipe Pedro Soares, que se pronunciou con estas palabras na súa intervención durante a convención que realiza a forza política en Lisboa.

Amais de erixir o BE como forza de Goberno, Pedro Filipe Soares asegurou que se o Bloco quer ter futuro deberá trazar unha “maioría social á esquerda”. Tamén se pronunciou contra o modelo da UE, “esta Europa non serve” e acusou as actuais directrices da UE de conducir á degradación das condicións persoas.

Na mesma liña, o deputado do Bloco sinalou que os dirixentes da UE “abriron a porta á extrema dereita” e “tratan os pobos como lixo”. Cargou, a continuación, contra a aplicación de sancións, “Portugal ten que dicir no Consello Europeo que non é aceptábel a aplicación de sancións”.

Na convención que está a ter lugar en Lisboa tamén interveu Joana Mortágua, quen se declarou “cansa do parasitismo”. “A miña xeración esixe un mundo novo e naquilo que depende de nós vai telo”. Tamén advertiu que nada debe ser sacrificado “en nome do capital financeiro”. Fixo, a continuación, unha defensa férrea dos servizos sociais públicos.

Mariana Mortágua afirmou que “é tempo de resgatar a democracia na Europa”. “Non son os mercados, senón a vontade popular quen manda na economía”, apuntou. “É preciso pór as finanzas no seu lugar para que a esquerda poida cumprir o seu proxecto. A democracia é condición para a esquerda poder ser maioría”, engadiu.