Biden segue 12 puntos por diante de Trump a catro meses das eleccións

O ex vicepresidente dos Estados Unidos Joe Biden (Saquan Stimpson / dpa)
O liderado do ex vicepresidente aumentou progresivamente desde o pasado mes de marzo, cando superaba o presidente estadounidense en tres puntos.

O ex vicepresidente dos Estados Unidos Joe Biden mantén unha vantaxe de 12 puntos sobre o presidente, Donald Trump, de cara ás eleccións presidenciais previstas para o próximo mes de novembro, segundo unha enquisa sobre intención de voto da Universidade de Monmouth.

A sondaxe, que foi difundida nesta quinta feira, 2 de xullo, mostra que Biden lograría 53% dos votos fronte ao 41% que obtería o actual inquilino da Casa Branca. O mes pasado, a Universidade de Monmouth difundiu resultados sobre outra enquisa que daba 52% das papeletas a Biden fronte a 41% de Trump.

A enquisa evidencia unha das maiores eivas a que se enfronta o magnate neoiorquino: o número de electores que mudou de idea respecto a hai catro anos. A metade dos votantes rexistrados aseguraron que probabelmente non apoien a Trump, mentres que 39% di o mesmo de Biden.

Mentres que Trump se beneficiou en 2016 do feito de ter unha rival política "pouco popular", Hillary Clinton, a sona de Biden xoga agora en contra do presidente e supón un novo desafío para el. Polo menos 44% dos votantes ve de bo grado a Biden, en tanto que a popularidade de Trump está 17 puntos por baixo.

O liderado de Biden aumentou progresivamente desde o pasado mes de marzo, desde 3 puntos porcentuais até os 12 actuais. Fontes da Administración Trump revelaron ao diario Politico que o magnate é consciente de que parte desde unha mala posición de cara á carreira electoral.

A campaña de Trump, pola súa banda, alude continuamente á idade de Biden e trata de suscitar a posibilidade de que o ex vicepresidente estea en "baixa forma cognitiva". Trump refírese habitualmente a el como Sleepy Joe ("adormecido Joe").

Con todo, 52% dos votantes cre que Biden está cualificado física e mentalmente para ser presidente, máis do 45% que considera o mesmo de Trump.