Bélxica arresta nun festival de música dous soldados israelís acusados de crimes de guerra en Gaza
Ambos os dous foron postos en liberdade tras ser interrogados pola Policía. Os soldados pertencen á Brigada Givati do Exército israelí, cuxa bandeira ondearon durante o festival Tomorrowland.
Dous soldados israelís foron detidos en Bélxica acusados de cometer crimes de guerra na faixa de Gaza. A Fiscalía belga abriu unha investigación despois de que as organizacións Fundación Hind Rajab e a Global Legal Action Network denunciasen a presenza destes dous individuos en Tomorrowland, o festival de música que se celebra estes días no país europeo.
Ambos os dous foron postos en liberdade tras ser interrogados pola Policía, aínda que as pescudas seguen en marcha.
Segundo os denunciantes, os soldados pertencen á Brigada Givati do Exército israelí, cuxa bandeira ondearon durante o festival. "A brigada estivo implicada na destrución de propiedades civís, como hospitais ou escolas, utilizaron a palestinos como escudos humanos fronte aos seus vehículos militares e estiveron implicados en torturas", explica a RTVE o cofundador e portavoz da Fundación Hind Rajab, Karim Hassoun, encargada de localizar soldados israelís polo mundo para levalos ante a xustiza.
O contido da denuncia baséase en Intelixencia de Fontes Abertas (OSINT, polas súas siglas en inglés), é dicir, información que "eles compartiron en redes sociais cometendo estas atrocidades".
Hassoun asegura que elaboraron un arquivo de aproximadamente 50 páxinas por soldado cos detalles gráficos atopados e que se presentou unha demanda urxente á Fiscalía ante o "risco de fuga" dos soldados, dos que saben que non son cidadáns belgas, aínda que descoñecen se teñen a dobre nacionalidade dalgún outro país.
A Fiscalía belga considerou que podería ter xurisdición sobre o caso en base nun novo artigo do Código de Procedemento Penal, que entrou en vigor o 28 de abril de 2024 e que outorga xurisdición extraterritorial aos tribunais do país sobre delitos cometidos fóra do seu territorio. Estes están amparados pola Convención de Xenebra do 12 de agosto de 1949 sobre os crimes de guerra e pola Convención das Nacións Unidas contra a Tortura do 10 de decembro de 1984.