Australia xulgará crimes de guerra dos seus soldados no Afganistán

Dous militares do Exército australiano despregados no Afganistán, nunha imaxe de 2010 (ISAF / CC)
Nos últimos anos xurdiu diversa documentación onde se dá conta de supostas execucións extra xudiciais de prisioneiros e de civís, polo que o Goberno designará un investigador especial para estes casos.

O Goberno de Australia, que preside o primeiro ministro Scott Morrison, confirmou hoxe que se designará un investigador especial para procesar os supostos crimes de guerra que as forzas especiais do Exército australiano puidesen ter cometido no Afganistán, onde están presentes desde 2005.

Nos últimos anos xurdiu diversa documentación onde se dá conta de supostas execucións extra xudiciais de prisioneiros e de civís a mans de militares australianos.

A vindeira semana está previsto que vexa a luz un extenso informe, detallando a investigación militar levada a cabo no período dos últimos catro anos. Morrison advertiu xa que podería conter "duras e complicadas noticias para os australianos".

Debemos "absorber isto dunha maneira que nos permita defender a integridade do noso sistema de xustiza e defender a integridade das nosas forzas de defensa", explicou.

E manifestou que "hai un número considerábel de incidentes ou de asuntos que serán investigados máis profundamente e esa investigación será inherentemente complexa".

55 incidentes

A semana pasada revelouse que esta investigación militar analizou 55 incidentes entre 2005 e 2016 e recolleu a declaración de 336 testemuñas. Aínda que a maioría das posíbeis acusacións están por se coñecer, os medios australianos foron publicando detalles dalgúns destes casos. 

O pasado mes de marzo, por exemplo, a Australian Broadcasting Corporation (ABC, a compañía de radiotelevisión pública do país) emitiu unhas imaxes onde un soldado do Special Air Service (SAS, rexemento de elite australiano de forzas especiais) disparaba na cabeza a un home afgán desarmado.