A Audiencia de València desouve o xuíz, estima o recurso de Vox e abre xuízo a Mónica Oltra
A sección cuarta da Audiencia Provincial de València ordenou abrir xuízo oral contra a ex vicepresidenta primeira da Generalitat valenciana e ex conselleira de Igualdade durante a etapa do Goberno de coalición do PSOE con Compromís, Mónica Oltra, e mais o seu equipo na Consellaría, pola causa do suposto encubrimento dos abusos sexuais a unha menor tutelada por parte do seu ex marido.
Así se desprende da resolución, na que o tribunal volve desestimar o arquivo das actuacións ditado polo xuíz instrutor, que non achou indicios para incriminar Oltra, e estima os recursos presentados por Vox e da asociación ultraespañolista Gobierna-te.
Caso arquivado en 2024
O Xulgado de Instrución número 15 de València arquivou en 2024 as actuacións ao non apreciar delito —do mesmo modo que a Fiscalía— e, posteriormente, a Audiencia ordenou reabrir a causa ao estimar os recursos de Vox e Gobierna-te. O xuíz seguiu adiante co procedemento "por imperativo legal" e en aplicación desa decisión.
Posteriormente, en 2025, o órgano de instrución volveu negar a apertura de xuízo oral e optou polo sobresemento provisional da causa, e en decembro reafirmou esta decisión ao rexeitar os recursos das acusacións. Estas volveron recorrer á Audiencia e, agora, o tribunal ordena a apertura de xuízo.
A institución xudicial provincial sinala que o instrutor "non pode negar ás acusacións" a apertura do xuízo oral "se existe probabilidade de que os feitos poidan ser apreciados como subsumíbeis nunha conduta" valorada "razoabelmente" por elas como "delituosa".