Alemaña

Unha persoa morta e oito feridas de diversa gravidade nun atropelo múltiple nunha zona comercial de Berlín

Lugar do incidente desta cuarta feira. (Foto: Bild)

A Policía investiga as causas do incidente e xa detivo o condutor. Moi perto deste mesmo emprazamento perpetrouse en 2016 un mortal atentado que acabou coa vida de trece persoas.

Un automóbil levou por diante unha multitude de persoas nunha concorrida zona comercial do oeste de Berlín (Alemaña) na mañá desta cuarta feira, segundo informan diferentes medios de comunicación como o diario Bild.

Segundo o departamento de bombeiros, oito persoas resultaron feridas, cinco en estado crítico e as outras tres feridas de diversa gravidade, e outra faleceu no acto.

"Por agora descoñécese se é un accidente ou unha acción intencionada", apuntou a Policía de Berlín, que xa detivo o condutor do vehículo.

Moi perto deste mesmo emprazamento producírase en decembro de 2016 un atentado xihadista, cando un camión irrompeu nun mercado de Nadal e matou trece persoas.

Testemuñas citadas por Bild indicaron que, após bater contra unha tenda, o condutor tentou volver á estrada e darse á fuga, malia que a Policía o detivo grazas á acción de varios cidadáns.

"Conducía a toda velocidade, non reduciu en ningún momento", afirma unha das testemuñas. As autoridades despregaron ademais un helicóptero de rescate no lugar.

Segundo a Policía, o home conduciu o seu Renault Clio contra as 10.26 horas na esquina da rúa Ku'damm con Rankestrasse cara á beirarrúa de Ku'damm e chocou contra un grupo de persoas.

Os axentes están a interrogar agora o autor do atropelo, un home de 29 anos residente en Berlín, mais aínda non se aclarou se o choque foi intencionado ou se, pola contra, foi un accidente de extrema gravidade.