Asfura, proclamado presidente de Honduras con denuncias de fraude
O candidato conservador Nasry Asfura, do Partido Nacional de Honduras, foi declarado como presidente electo de Honduras polo Consello Nacional Electoral (CNE) con 99,92% das actas escrutadas e 40,2% dos votos, no medio de denuncias de fraude por parte da oposición.
Asfura, candidato apoiado polo Goberno estadounidense e próximo politicamente a Donald Trump, asegurou nunha mensaxe publicada na rede social X: "Recoñezo o gran labor realizado polas conselleiras e todo o equipo que levou a cabo o desenvolvemento das eleccións. Honduras: Estou preparado para gobernar. Non lles vou a fallar".
As eleccións cuxo reconto rematou a cuarta feira desenvolvéronse o pasado 30 de novembro, levándolle ao Consello Nacional Electoral o escrutinio das papeletas electorais 24 días, o que xerou múltiples denuncias por parte do candidato de Partido Liberal, Salvador Nasralla, que logrou 39,5% dos sufraxios e da candidata progresista de Liberdade e Refundación, Rixi Moncada, que sumou 19,1% dos votos.
Moncada afirmou esta quinta feira que "o presidente electo é dos empresarios que pediron a intervención de Donald Trump" e denunciou que o Consello Nacional Electoral seguiu ordes de Estados Unidos.