A Asemblea Xeral da ONU demanda unha Palestina independente
Con 142 votos a favor, 12 abstencións e 10 votos en contra, entre eles o dos Estados Unidos, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou a sexta feira unha resolución que insta a dar pasos “tanxíbeis” e “irreversíbeis” en dirección a un Estado palestino “independente, soberano, economicamente viábel e democrático”.
O documento, impulsado por Francia e Arabia Saudita co nome de Declaración de Nova York, insiste en que se pode construír unha vía “cara á paz en Oriente Próximo”, e incide en que unha vez rematado o xenocidio en Gaza Hamás debe entregar as armas á Autoridade Nacional Palestina e “deixar de exercer a súa autoridade sobre a Faixa”.
A organización palestina reiterou anteriormente a súa disposición a saír do Goberno gazatí, apuntando no tocante ás armas que, cando haxa un Exército palestino, a súa póla armada integrarase nel.
Horas antes, o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, gabouse das ambicións coloniais sionistas ao asinar un plan para un novo asentamento ilegal en Xerusalén Leste que rompería a continuidade territorial co resto de Cisxordania. “Non haberá Estado palestino, este lugar perténcenos”, sinalou o que Qatar definiu como “extremista sanguinario”, logo de lanzar un ataque aéreo sen éxito contra o liderado de Hamás que se atopaba no país estudando unha tregua.
Entrementres, o réxime sionista segue a bombardear de forma indiscriminada os civís na Cidade de Gaza, que anunciou que arrasaría. A situación humanitaria, no contexto da fame negra desencadeada polos israelís, dos ataques nas supostas zonas humanitarias ou do colapso dos servizos públicos, levou a que persoas que fuxiron da urbe, na que habería arredor dun millón de persoas, acabaran por volver, desvelou a axencia Reuters. Incluso despois de que Israel destruíra as vivendas ou tendas de campaña nas que sobrevivían 53.000 palestinas e palestinos.
Ademais, o Fondo da ONU para a Infancia (Unicef) denunciou que máis de 450.000 crianzas na Cidade de Gaza están en “risco mortal” ante a nova tentativa de ocupación israelí.
Pola súa parte, Irán asegurou que todo o uranio enriquecido está “baixo os cascallos das instalacións bombardeadas” por sionistas e estadounidenses, após insistir os países occidentais en que revelase a súa localización.