Asasinan dun disparo o 'influencer' Charlie Kirk, referente da mocidade trumpista
O influencer, unha das caras mozas do movemento Make America Great Again (MAGA), estaba respondendo unha pregunta sobre os tiroteos masivos.
O influencer estadounidense Charlie Kirk, aliado do presidente dos EUA, Donald Trump, morreu esta cuarta feira aos 31 anos após recibir un disparo no pescozo mentres participaba nun evento que decorría nunha universidade de Orem, en Utah.
O propio Trump foi quen comunicou o seu falecemento: "O gran, e incluso lendario, Charlie Kirk, faleceu. Ninguén comprendeu nin tivo o corazón da mocidade dos EUA mellor que Charlie", expresou. "Foi querido e admirado por todos, especialmente por min, e agora non está con nós", lamentou Trump a través unha mensaxe no seu perfil de Truth Social, a súa rede social, na que tamén sinalou a "esquerda radical" como responsábel do tiroteo, se ben a policía aínda non identificou a persoa atacante.
Antes de que se confirmara o asasinato de Kirk, circulou un vídeo do momento do tiroteo no que se vía a Kirk subido a un escenario ao aire libre e rodeado de centos de persoas, tras o cal escóitase un disparo e vese como se bota sobre o seu asento. Nese momento, o influencer, unha das caras mozas do movemento Make America Great Again (MAGA), estaba respondendo unha pregunta sobre os tiroteos masivos levados a cabo por persoas trans nos EUA.
A Universidade Vale de Utah, onde tivo lugar o incidente, informou a través do seu perfil na rede social X de que unha persoa sospeitosa fora detida após o tiroteo, a pesar do cal unha portavoz da institución educativa negou que a persoa sospeitosa do disparo estea baixo custodia.
De feito, a universidade fechou as súas portas e cancelou as aulas, mentres que pediu a quen se atopase no campus que permanecesen nun lugar seguro até que a Policía os puidese escoltar ao exterior. "A Policía está recorrendo os edificios para escoltar as persoas fóra do campus. As estradas que levan ao campus están fechadas", figura no comunicado.
Detrás dos votos da mocidade a Trump
Kirk, unha das personalidades mediáticas conservadoras máis destacadas dos EUA, contaba con millóns de seguidores e cofundou en 2012 Turning Point USA, unha organización que avoga por políticas conservadoras nas escolas secundarias e nas universidades.
A Kirk, a través de dita organización, atribúeselle en gran medida a mobilización dos votantes novos en apoio de Trump durante as últimas eleccións presidenciais, nas que se impuxo á demócrata Kamala Harris. Tamén falou nos mitins de campaña de Trump dos comicios de 2024 e participou na Convención Nacional Republicana.