Un arrastreiro galego atopa un cadáver mentres faenaba fronte á costa arxentina
Un arrastreiro porto base en Vigo localizou o cadáver dun home entre os seus aparellos de pesca mentres faenaba fronte á costa de Arxentina, en augas internacionais.
Segundo fontes do sector na zona, o achado produciuse na cuarta feira, no momento no que o buque procedía a izar a rede. Foi entón cando apareceu o corpo, que podería corresponder a un home de orixe asiática, aínda que por agora non se confirmou oficialmente a súa identidade nin as circunstancias do falecemento.
Tras o achado, o buque puxo os feitos en coñecemento das autoridades competentes. De acordo con fontes de Salvamento Marítimo, a embarcación contactou co centro coordinador de rescates da Arxentina (Main Rescue Coordination Center), indicando que se atopaba a unhas 210 millas da costa arxentina e a aproximadamente 250 millas ao nordés do porto de Puerto Deseado.
Polo momento, o arrastreiro continúa a faenar na zona, onde se concentra unha elevada actividade pesqueira. Alí operan numerosas embarcacións dedicadas á pesca da pota, entre elas algúns buques galegos, aínda que a maioría pertencen a frotas de orixe chinesa.