Ariel Basteiro, autor de 'Radiografía dunha canallada': "Usáronse as balas da Arxentina na represión tras o golpe en Bolivia"
Durante dous períodos, o progresista Ariel Basteiro, da arxentina Forza Patria, foi deputado e embaixador en Bolivia, amais de membro da Mesa Directiva da Central de Traballadores (CTA).
A sexta feira Ariel Basteiro presentou con Ana Miranda (BNG) na Libraría Cartabón de Vigo Radiografía dunha canallada, que aborda o apoio do Goberno conservador arxentino liderado por Mauricio Macri (2015-2019) ao golpe de Estado en Bolivia de 2019.
—Que fontes usou na obra para demostrar o envío de armas a Bolivia por parte do Executivo de Macri?
Principalmente documentos, algúns diplomáticos reservados e tamén públicos, que van confirmando a investigación periodística paralela. No libro explico como atopo a nota que confirma o delito, un agradecemento dun dos golpistas, o xeneral da Forza Aérea, que recoñece e agradece ao Goberno de Macri pola axuda recibida en armas que chegaron a Bolivia un día ou dous despois da asunción de Jeanine Áñez [como autoproclamada presidenta de Bolivia] e unha semana antes da represión do Exército e a Policía ao pobo boliviano, aos sectores que obxectaban o golpe a Evo Morales, en Senkata e en Sacaba. Houbo 36 mortes.
—Descubriu se esas armas foron usadas nesa represión?
A investigación confirma, ou polo menos deixa unha morea de elementos para poder aseverar que si, usáronse as balas que chegaron desde a Arxentina, nalgúns casos balas de chumbo, noutros de goma, que disparadas a certa distancia férente, mais a curta distancia mátante.
—Por que Macri decidiu apoiar o golpe de Estado ultradereitista?
En xaneiro de 2019 faise unha reunión importante do Grupo de Lima, un intento de organizar os partidos de dereitas que gobernaban Latinoamérica nese momento, cando os únicos países que quedaban sen Executivo de dereita eran Bolivia e Venezuela, mais o único que ficaba con niveis de gobernabilidade e con bos números para mostrar na economía era Bolivia, e nesa xuntanza acordaron rematar co Goberno de Bolivia e facer todo para axudar nese proceso.
Houbo unha componenda da dereita rexional e mundial para rematar co Goberno de Evo. De feito, o libro detalla o apoio económico da Axencia Central de Intelixencia estadounidense (CIA) e dos servizos de Intelixencia da Arxentina, e como embaixadas como a de España, a da Unión Europea (UE), a do Reino Unido, máis a arxentina e a brasileira, reuníronse antes do golpe para xerar as condicións do que en Bolivia está clasificado como un golpe cívico, militar, policial, eclesiástico e internacional.
—Á parte destes elementos, como se traduciu ese apoio de Macri aos golpistas?
Foi xusto no intre no que Macri aínda era presidente, mais xa perdera as eleccións [fronte aos progresistas]. Pero o primeiro Goberno que recoñece Áñez é o de Macri, e o confirma incluso nunha reunión do Mercado Común do Sur (Mercosur) que houbo catro ou cinco días despois do golpe.
Amais, a Chancelaría arxentina elaborou instrucións para a embaixada de que axudase aos novos referentes políticos, e o gobernador de Jujuy, fronteirizo con Santa Cruz (Bolivia), onde sempre foron opositores a Evo, viaxou alí meses antes varias veces. A Jujuy desprazouse nese momento Ivanka Trump, filla do presidente estadounidense Donald Trump, para unha actividade de menor importancia.