Un aparente desliz de Bescansa deixa ver un plan para desprazar Iglesias do liderado de Podemos

Errejón, Pablo Iglesias e Carolina Bescansa, na época en que lideraban conxuntamente Podemos

Un documento pendurado fugazmente na canle Telegram de Carolina Bescana revela un hipotético pacto desta con Íñigo Errejón para lle mover a cadeira a Iglesias. Errejón nega calquera conxura para liquidar o líder do partido morado.

Un aparente desliz de Carolina Bescansa pon ao nú as fendas no edificio podemita: a co-fundadora da organización, caída hai uns meses en desgraza, tentaría voltar á primeira liña cun pacto con Errejón non só para a conquista da comunidade autónoma de Madrid (a política compostelá iría de número 2 na candidatura), senón tamén con vistas a remover Pablo Iglesias da secretaría xeral de Podemos.

 

Iso é o que se desprendería dun documento que Bescansa tería deixado ver fugazmente en Telegram. O escrito leva por título "Propuesta-borrador de acordos na negociación conducente á constitución dunha candidatura de unidade nas primarias de Podemos naCAM" e apenas foi visíbel durante un breve espazo de tempo, despois do cal foi borrado.

 

O pacto contido nesa proposta rascuño pasaría por Bescansa apoiar Errejón en Madrid e este respaldar a aquela quer nas primarias para a candidatura morada para as eleccións xerais quer na próxima, a III, Asemblea Cidadá, o máximo órgao de Podemos.