Ana Miranda asiste á toma de posesión de Yamandú Orsi como novo presidente do Uruguai
A eurodeputada galega salienta o histórico triunfo do Frente Amplio e destaca as fondas relacións co BNG.
En representación da Executiva Nacional do BNG, a eurodeputada Ana Miranda asistirá este sábado en Montevideo á toma de posesión do novo presidente do Uruguai, Yamandú Orsi, candidato do Frente Amplio (en concreto do MPP, a mesma organización política á que pertence o ex presidente José Mujica) elixido en segunda volta o pasado 25 de novembro, así como da vicepresidenta Carolina Cosse.
“O triunfo do Frente Amplio é un acontecemento histórico despois de anos de políticas restritivas de dereitos, que non beneficiaron as clases populares do Uruguai e que nos gobernos do Frente Amplio foron beneficiadas”, destacou Ana Miranda, quen considerou que os gobernos do Frente Amplio supuxeron unha gran transformación do país e que agora coa súa volta ao Executivo “recupérase a esperanza”.
Pola contra, ao seu xuízo, o retroceso destes anos co Goberno de Lacalle Pou “foi evidente”. Denunciou, ademais, que este “amigo de Feixoo” foi o responsábel do fechamento dunha institución histórica como é Casa da Galiza. Precisamente foi o Frente Amplio quen defendeu esta institución sanitaria fundada polos emigrantes galegos a principios do século XX.
Coa participación da eurodeputada galega e coordinadora de Relacións Internacionais do BNG na investidura do presidente Orsi ponse de relevo a fonda e longa relación do Bloque co Frente Amplio, xa que será a cuarta vez que Miranda asista á toma de posesión dun presidente do Frente Amplio: anteriormente participou nas investiduras de Tabaré Vázquez (en 2005 e 2015) e de José Mujica (en 2010).
Encontro con José Mujica
O Bloque e o Frente Amplio comparten axendas de traballo a prol do benestar de ambos pobos e pola diáspora, tanto da cidadanía uruguaia que vive na Galiza como da ampla colectividade galega que vive no Uruguai, así como a defensa do internacionalismo. Segundo explicou Ana Miranda ao respecto, é un país que apoiou a colectividade galega, integrándoa e ofrecéndolle oportunidades. Precisamente foi en Montevideo, en Casa da Galiza, onde se constituíu o Goberno da Galiza no exilio, presidido por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Ana Miranda tamén manterá unha ampla axenda de traballo que incluirá diversas reunións con representantes do Frente Amplio e convidados internacionais á toma de posesión do presidente Orsi. Entre as reunións previstas destaca o encontro que manterá co ex presidente do Uruguai, José Mujica, así como coa colectividade galega.