Amnistía Internacional pide investigar os masacres contra a minoría alauita en Siria

Agnès Callamard o 16 de decembro de 2024. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
1.700 persoas morreron a mans dos xihadistas en poucos días.

Grupos armados vinculados co Goberno xihadista instaurado en Damasco, a capital siria, “actuaron deliberadamente contra civís da minoría alauita en arrepiantes ataques de represalia, disparando de perto e a sangue frío”, e as autoridades en ningún momento “interviñeron para pór fin aos masacres”, algo que debe ser xulgado como un crime de guerra, sinalou a quinta feira Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional.

A líder da entidade referíase á reacción dos fundamentalistas despois dun ataque coordinado a comezos de marzo dos rebeldes no oeste do país, que derivou nunha vaga de masacres contra civís, principalmente da minoría alauita, mais tamén de cristiáns e sunnitas –a corrente islámica dos xihadistas–, nos que foron asasinadas máis de 1.700 persoas, nalgúns casos familias enteiras, indicou o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, unha organización de carácter islamista e opositora ao deposto Executivo de Bashar al Assad, pertencente á comunidade alauita. 

En todo caso, e aínda que con menor intensidade, os asasinatos por motivos étnicos contra a comunidade aínda non cesaron, como constatou esta semana o Observatorio.

Nun comunicado, Amnistía Internacional pormenorizou que os xihadistas “preguntaban ás persoas atacadas se eran ou non alauitas antes de atacalas ou matalas”, e exixiu “medidas inmediatas para que ningunha persoa sufra ataques pola súa afiliación relixiosa”.

Callamard avisou que “Siria corre o risco de volver caer nun círculo vicioso de atrocidades e derramamento de sangue”, e reclamou que se “existen probas admisíbeis de que unha persoa cometeu violacións graves de dereitos humanos” non “debe acceder ou seguir ocupando un posto no que podería repetir esas violacións”.

Os ataques non se circunscribiron só ás areas costeiras, nas que arredor de 20.000 persoas cruzaron ao norte do Líbano ou se refuxiaron na base militar rusa de Khmeimim para salvar a vida, senón que tamén se estenderon a Damasco, desvelou a axencia Reuters, que corroborou tanto secuestros de persoas desta minoría, que supón 10% da poboación siria, como asasinatos.

Estes crimes non evitaron que a Unión Europea (UE) prosiga co proceso de levantar sancións a Siria após a toma do poder por parte dos xihadistas, mentres que en paralelo Israel continúa cos seus ataques ao país, nos que onte matou nove persoas. 

Un dos bombardeos afectou a unha base aérea cuxo control se reportou anteriormente que estaría a piques de tomar Turquía, principal aliado dos xihadistas.