Alemaña vota este domingo coa ultradereita á alza
Alemaña vota este domingo, 23 de febreiro, nunhas eleccións parlamentarias chave, das que sairá un Parlamento que terá que decidir que candidato se converte no próximo chanceler. O resultado non só marcará o futuro do país, senón que terá repercusións en toda Europa, especialmente nun contexto de incerteza internacional e coas negociacións entre EUA e Rusia sobre a guerra en Ucraína no fondo da cuestión.
O sistema electoral alemán e a fragmentación política dificultan que un só partido logre a maioría absoluta, polo que calquera futuro Goberno dependerá de complexas negociacións postelectorais.
Neste escenario, todos os partidos deixaron claro que manterán o cordón sanitario á ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD), que segundo as enquisas podería alcanzar até unha cuarta parte dos escanos.
Por outro lado, A Esquerda (Die Linke) e a populista Alianza Sahra Wagenknecht (BSW) contan con escasas posibilidades de influír na formación do próximo Goberno debido ao rexeitamento entre o resto de forzas políticas por algunhas posturas que defenden, como a oposición á OTAN e ao envío de axuda militar a Ucraína. Se ben é certo que o Die Linke experimentou nas últimas semanas unha alza na intención de voto, situándose en quinta posición.
Que din as enquisas?
A coalición Unión Democristiana/Unión Social Cristiana (CDU/CSU) encabeza as enquisas para estas eleccións ao Parlamento alemán, seguida da AfD e o gobernante Partido Socialdemócrata (SPD).
Neste gráfico móstrase unha media das enquisas publicadas cada semana para trtar de visibilizar posíbeis tendencias de voto cara aos resultados das eleccións.