Alemaña limita a vacina AstraZeneca a maiores de 60 anos
A conferencia de ministros de Sanidade de Alemaña ordenou esta terza feira suspender as inmunizacións contra o coronavirus coa vacina de AstraZeneca para os menores de 60 anos.
Os responsábeis de Sanidade do Goberno federal e dos 16 estados federados decidiron que só se aplicará esa vacina a aqueles menores de 60 anos que o desexen de maneira expresa. Anteriormente a Comisión Permanente de Vacinación Alemá (Stiko) emitira unha nova resolución na que aconsellaba inocular a vacina de AstraZeneca contra o coronavirus só a persoas maiores de 60 anos despois de que se rexistrasen novos casos de trombos cerebrais que puidesen estar relacionados con ese produto.
Pouco antes e por consello do hospital universitario Charité, a cidade-estado de Berlín ordenara suspender a vacinación, primeiro a mulleres menores de 55 anos e despois a todas as persoas menores de 60 anos. "Aínda que non houbo complicacións(...) tras as vacinacións con Astrazeneca, (...) quere actuar con precaución e esperar as avaliacións finais". Á medida preventiva de Berlín sumáronse pouco despois varios estados federados como Renania do Norte- Westfalia ou Baviera.
O Instituto Paul- Ehrlich, centro de referencia para a vacinación en Alemaña, detectou 31 casos de tromboses en persoas que recibiron a vacina de AstraZeneca, nove das cales faleceron, informou esta terza feira o semanario Der Spiegel.
En base as evidencias dispoñíbeis, aínda que limitadas, e ante a actual situación da pandemia, a ' Stiko' aconsella utilizar a vacina contra Covid-19 de AstraZeneca en maiores de 60 anos", sinala a resolución da comisión integrada no Instituto Robert Koch (RKI) de viroloxía. "A súa aplicación por baixo desa idade é posíbel segundo criterio do médico, tras a aceptación individual de posíbeis riscos e despois de recibir explicacións minuciosas", engade a nota do organismo público alemán.
Segundo o Instituto Robert Koch en Alemaña -onde a vacinación con AstraZeneca suspendeuse temporalmente e renovouse o 19 de marzo - xa recibiron esa vacina un total de 2,7 millóns de persoas.
Recibiron as dúas doses de calquera vacina contra o covid-19 3.877.914 persoas, un 4,7 % da poboación, e 9.001.925 (o 10,8 %), polo menos unha.