Alemaña e EUA chegan a un acordo polo gasoduto ruso Nord Stream 2
"Estados Unidos e Alemaña alcanzaron un acordo que permitirá finalizar o proxecto do gasoduto Nord Stream 2 ao que inicialmente se opuña o Goberno de Joe Biden por considerala unha iniciativa que Rusia podería usar para gañar influencia.
Nunha declaración conxunta en apoio a Ucraína, á seguridade enerxética europea e aos obxectivos climáticos, apuntaron que é un "compromiso" que está "deseñado para garantir que Rusia non fará un mal uso de ningún oleoduto, incluído Nord Stream 2, con fins políticos agresivos utilizando a enerxía como arma".
Washington, segundo o Departamento de Estado, continúa a oporse ao gasoduto, que cualifica como "un proxecto de influencia maligna xeopolítica rusa", mais chegou "ao xuízo de que as sancións non deterían a súa construción", recolleu a CNN.
Berlín acordou varias medidas para mitigar, din, os riscos para a seguridade enerxética europea, de Ucraína e de países da UE e da OTAN próximos ás fronteiras rusas. No pasado, Rusia cortou a subministración de enerxía a outros países, incluída Ucraína.
Comprometeuse a designar un enviado especial e axudar a Ucraína ─que depende enerxeticamente de Rusia─ a "negociar unha extensión do seu contrato de tránsito de gas con Rusia moito máis alá de 2024". Tamén a crear e administrar un Fondo Verde de 1.000 millóns de dólares (máis de 848 millóns de euros) en apoio á súa transición, eficiencia e seguridade enerxéticas.
EUA anunciou tamén programas de asistencia e investimento co fin de contrarrestar "os efectos adversos que Nord Stream 2 tería nos estados membros da UE de Europa Central e Oriental".
Rusia rexeita o "ton hostil"
O embaixador de Rusia en EUA, Anatoli Antonov, rexeitou as acusacións a Rusia recollidas na declaración conxunta. "O ton hostil cara ao noso país contradí o espírito das conversas dos dous presidentes [Biden e Putin] en Xenebra o 16 de xuño", lamentou nun comunicado recollido pola axencia de noticias rusa TASS.
Criticou que os "intentos" de presentar Moscova como país "agresor" e "involucrado en actividades malignas" son desde "hai moito tempo" unha "tarxeta de presentación dos rusófobos".
"As ameazas contra nós son infundadas e inútiles", continuou. "Rexeitamos calquera acusación nese sentido. Consideramos estes intentos simplemente como unha competencia sen escrúpulos", sentenciou Antonov.
"Bo paso", di Merkel
Pola súa banda, a chanceler alemá, Angela Merkel, describiu como un "bo paso" o acordo entre Berlín e Washington, malia non significar a fin de todas a diferenzas a respecto do polémico gasoduto xermano-ruso, recolleu a axencia alemá de noticias DPA.
E o ministro de Exteriores alemán, Heiko Maas, aplaudiu o acordo e dixo sentirse "aliviado" por lograr "unha solución construtiva con EUA sobre a cuestión do Nord Stream 2", escribiu en Twitter. "Como socios transatlánticos, estamos firmemente á beira de Ucraína", resolveu.
Críticas de Bruxelas
Ao respecto, a Comisión Europea sinalou que a política enerxética na UE se coordina entre os 27. "Non é un proxecto que sexa do interese común europeo", sinalou o portavoz de Enerxía, Tim McPhie, que salientou que a política enerxética do bloque "non é só unha cuestión nacional".
Ucraína e Polonia, nun comunicado conxunto, manifestaron que o pacto "incrementa o potencial de Rusia de desestabilizar a seguridade en Europa".