Alejandro López, director de 'Descifrando la Guerra': "Semella bastante complicado que a tregua en Gaza non estoupe"
—Israel está violando constantemente o cesamento do fogo desde que foi asinado. Cara a que escenario imos?
Semella bastante complicado que iso non poida estoupar por outro lado, tanto porque en Israel sigan co plan dunha colonización e non permitan que se cumpra coa fin da invasión e da ocupación que houbo até o de agora como porque en Palestina poida estalar o movemento de resistencia nacional por outro lado.
Cústame ver que Hamás, que entregou os reféns, vaia renunciar a todas as súas bazas ou a disolverse sen que haxa garantías de seguridade de que Israel non volva invadir, ou de que de verdade marche e que o corpo internacional que vaia supervisar o futuro Goberno [de Gaza] permita calquera tipo de soberanía popular en Palestina.
—Neste contexto, en que lugar queda a posibilidade de que se estabeleza un Estado palestino sen ocupación sionista?
Suponse que se quere apostar por esa vía, mais Israel deixou bastante claro que o que queren é impedilo, e non sería a primeira proposta na que se se fala dun Estado palestino sempre é supeditado aos intereses de exteriores, de defensa e de seguridade de Israel, que é unha das propostas que xa fixo Donald Trump en 2020.
A cuestión é que en Israel isto xa queda até curto e xa non se fala sequera dun Estado supeditado, senón de que non haxa ningún Estado. Veremos en que queda isto que se está a tratar de implantar, se finalmente toda Gaza vai quedar en mans dalgún futuro Goberno con participación palestina ou se vai ficar a medio camiño cun novo estalido por parte de Israel ou cun rexurdimento de Hamás, que non perdeu forza en canto aos seus números con respecto a antes do 7 de outubro [de 2023], senón máis ben en material.
—Pódese agardar que outros actores xeren presión a favor da tregua ou todo vai depender do que digan os Estados Unidos?
Certo é que sería importante que algúns países europeos e árabes empezasen a mostrar fendas. Practicamente todos querían ter unha relación estratéxica con Israel, pero algúns, polo dano que fai electoralmente en Europa ou nas súas bases de apoio en Oriente Medio, tiveron que tomar distancia e aplicar un discurso máis duro.
Este tipo de acordos que idea Trump e que buscan presionar Israel precisamente van encamiñados a intentar conservar algo do capital político que está perdendo nas sociedades aliadas potencialmente de Israel. É dicir, que a mobilización social en Europa e nalgúns países árabes ou musulmáns non desborde eses gobernos e lles impoña un custe político tal que teñan que romper con Israel ou seguir tomando medidas.
Dáme a sensación de que comezarán a arranxar as relacións, mais en última instancia Israel está mesmo plantando os Estados Unidos con algunhas declaracións de que eles son os que van decidir sobre a súa soberanía e seguridade, así que moito menos o farán os outros países que só querían salvar a cara.
O punto é que Trump si que ten capacidade dabondo para imporlle certas condicións, e Israel podería tratar de seguir sen os Estados Unidos, mais iso non é da conveniencia de ningún.