Análise

O perigo do neoliberalismo en América Latina: novo capítulo en Ecuador

Luisa González, candidata ás eleccións ecuatorianas, na Universidade de Guayaquil, en imaxe de arquivo. ( Foto: Europa Press / Contacto / Alejandro Baque)
Paulo Carlos López é profesor titular de Ciencia Política na USC. Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia.

O próximo 9 de febreiro terá lugar a primeira volta das eleccións presidencias na República do Ecuador, ademais das eleccións lexislativas. Uns comicios nos que, previsiblemente, o candidato da dereita, Daniel Noboa, acompañará a correísta Luisa González ata a segunda volta, salvo unha sorpresa maiúscula como consecuencia dunha gran mobilización que liquide o proceso sen necesidade de balotage ou a irrupción dunha outsider como Andrea González (que gaña puntos logo do debate electoral).

O país andino viviu unha época dourada dende o ano 2006 coa chegada ao poder de Rafael Correa: en crecemento económico axudado polo prezo do petróleo, en redución da pobreza, en servizos públicos e en todos os indicadores que fan que un país e que a súa cidadanía viva mellor. Duplicouse ou case triplicouse o salario mínimo, reforzáronse as universidades, mellorou a calidade de educación e construíronse infraestruturas como nunca antes. Incluso, botando man dalgúns demagogos discursos liberais, mellorou a seguridade (cunha dotación sen igual aos corpos e forzas de seguridade do Estado, porque os ricos xa tiñan seguridade privada nos seus grandes chalés de Samborondón), houbo regras, leis e normas (é dicir, un procedemento) que permitía a inversión estranxeira. Incluso había unha folla de cálculo para organizar as políticas públicas!

Ecuador chegou a ser o segundo país máis seguro de América Latina en 2014. E tamén un país que  melloraba en dereitos, liberdades e institucionalidade.

A reputación internacional

Non ter que esperar semanas e subornar o funcionario ou a funcionaria de quenda para ter a túa cédula de identidade era habitual no Ecuador anterior.  Isto non quita que non houbera erros (corrupción), malas decisións ou unha evidente estratexia de confrontación persoal de Correa cos medios que subiu a polarización ata niveis insospeitados. En todo caso, os pros superan infinitamente os contras: Ecuador gañou reputación internacional. All you need is Ecuador, como dicía un anuncio no descanso da Super Bowl: a selva, a serra andina, a costa e as Galápagos. Todo un mundo. Pero xa queda pouco do Ecuador que coñecín e que me abriu os brazos. Queda pouco daquela Ibarra, daquel Quito ou daquel Guayaquil.

Dende o ano 2017, primeiro con Lenín Boltaire Moreno (que non fixo honra ao seu nome ilustrado e revolucionario, aínda que mal escrito), logo con Guillermo Lasso e agora con Daniel Noboa. O primeiro, un virachaquetas coa máxima de "descorreízar" o país; o segundo, un banqueiro neoliberal sen máis proxecto que o seu; o terceiro, un ególatra fillo dun empresario da industria bananeira que non pasa dun Bukele ao cutre e de dar o espectáculo nas rúas do barrio de Salamanca cada vez que chega a Madrid en visita de Estado.

Os tres pactaron coas elites tradicionais (mediáticas, políticas e empresariais) repartirse o país e as consecuencias están sendo catastróficas. Comezaron non respectando a institucionalidade e os poderes democraticamente electos; posteriormente, comezaron a meter na cadea a líderes políticos opositores ou a inventarse delitos e probas (entendo eu que isto temos que condenalo faga quen o faga, non é?).

Aínda lembro aquela xuíza que lle imputaba a Correa un delito por "influjo psíquico". Paralizaron a inversión en educación e universidades, descapitalizaron o Institución Ecuatoriano de Seguridad Social (IESS), desmobilizaron continxentes en seguridade (que teña seguridade quen a poida pagar), paralizaron os programas sociais e fixeron a vista gorda para facer de Ecuador un plácido país de paso e exportación de drogas. A pobreza medrou, a delincuencia tamén. O salario mínimo conxelado. Ecuador pasou de ser o jaguar andino (que seica dixo Angela Merkel) a ser o país máis inseguro de América Latina.

Nas próximas eleccións, a vitoria de Luisa González é un imperativo (e unha necesidade) para a cidadanía ecuatoriana. Unha González que debería facer o seu camiño e tamén comprender que a xustiza social ten que vir da man da democracia, como ben entenden Lula, Petro ou Boric. A súa vitoria tamén sería unha boa nova para os intereses galegos –e estatais– na rexión, para as relacións exteriores e para a mellora do diálogo entre gobernos. Pero, sobre todo, González debe ser o parapeto contra as políticas neoliberais e contra os que destrúen a democracia e a institucionalidade en Ecuador. E que sinta o noso alento, as e os progresistas do mundo enteiro.