Abdala, a segunda vacina experimental cubana contra a Covid que pasa á fase final de ensaios

A outra é a Soberana 2. Se algunha delas acada a autorización final, sería a primeira vacina contra o coronavirus concebida e producida en América latina. O Goberno cubano calcula que en agosto estárán fabricadas as doses necesarias para inmunizar a poboación da illa.

Cuba principiou esta semana a vacinar 48.000 voluntarios e voluntarias co seu antíxeno experimental anticovid  Abdala, o segundo da illa que pasa á fase tres de ensaios clínicos, a última antes da súa aprobación, anunciaron os científicos responsábeis do proxecto.

“Pensar que temos autorizado o segundo candidato o noso na fase 3 de desenvolvemento clínico é algo que realmente nos motiva e dános moita enerxía para seguir traballando”, dixo o vicepresidente do grupo estatal  BioCubaFarma,  Eulogio Pimentel.

O directivo destacou que no mundo hai 22 candidatos vacunais contra o coronavirus que están en fase tres e “o 23 sería  Abdala”.

Como moi tarde, no mes de agosto fabricariamos as doses requiridas para inmunizar toda a nosa poboación, e logo seguiremos producíndoas, a fin de fornecelas a outros países amigos

“A capacidade inventiva dos nosos científicos,  tecnólogos, propiciou que o 10% deses candidatos (...) proveñan dunha pequena illa como a nosa”, engadiu.

Catro candidatas

Os científicos cubanos traballan en catro candidatos a vacinas contra o coronavirus: Soberana 1 (en fase 2), Soberana 2 (fase 3),  Abdala (fase 3) e  Mambisa (en fase 1). Un quinto, Soberana +, é unha reformulación de Soberana 1, destinado a convalecentes da enfermidade.

Cuba marcouse a meta de vacinar este ano toda a súa poboación de 11,2 millóns de habitantes, e prevé completar en agosto os 33 millóns de doses que require, segundo fontes científicas, considerando tres doses por persoa.

Cuba asegura ter a máis alta taxa de recuperación de pacientes en América fronte ao Covid-19, co 94.2% dos que contraeron a enfermidade até o 20 de marzo, segundo o Ministerio de Saúde Pública.

"Como moi tarde, no mes de agosto fabricariamos as doses requiridas para inmunizar toda a nosa poboación, e logo seguiremos producíndoas, a fin de fornecelas a outros países amigos", dixo  o doutor en Ciencias Eduardo Martínez Díaz, presidente do grupo empresarial das Industrias Biotecnolóxica e Farmacéutica ( BioCubaFarma)