Ábalos, en contra de limitar os alugueiros durante a pandemia
O ministro José Luis Ábalos defende que a regulación dos prezos dos alugueres vaia na lei de vivenda e unha vez pase a pandemia, en lugar de contemplarse nos Orzamentos Xerais do Estado, tal e como pide Podemos.
O ministro español de Transportes e Mobilidade e secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, defendeu esta segunda feira, 19 de outubro, que a regulación dos prezos dos alugueres -que pactaron con Unidas Podemos para formar o Goberno de coalición- debe incluírse na lei de vivenda en que xa están a traballar, e non nos Orzamentos Xerais do Estado, tal e como pide a organización do vicepresidente segundo, Pablo Iglesias.
Ademais, Ábalos instou a esperar até que "se normalice" o mercado da vivenda, coa demanda e cos prezos alterados pola pandemia.
"Estamos dispostos a seguir falando, pero cremos que o momento máis adecuado é cando se despexen todas as incertezas do mercado da vivenda. E o encaixe xurídico que entendemos máis adecuado é a lei estatal de vivenda", asegurou o ministro.