As 200 imaxes da "illa dos pedófilos" de Jeffrey Epstein difundidas polo Congreso dos EUA
O escándalo arredor da rede de explotación sexual de Jeffrey Epstein volve sacudir Estados Unidos despois de que o Congreso fixera públicas, por primeira vez, arredor de 200 imaxes e vídeos inéditos tomados na chamada "illa dos pedófilos", situada no Caribe. O material foi difundido polo demócrata Robert Garcia, portavoz do seu grupo na Comisión de Supervisión e Reforma, quen recibiu estes arquivos en resposta á petición formal enviada ao Departamento de Xustiza das Illas Virxes no marco da investigación parlamentaria.
Segundo explicou Garcia, as imaxes –que xa están accesíbeis para o público– ofrecen "unha ollada profundamente perturbadora ao mundo de Jeffrey Epstein e ao funcionamento da súa illa", un enclave privado desde o que o magnate organizou durante anos "unha rede de abusos, tráfico de menores e corrupción política de alta escala". O congresista insistiu en que a publicación do material busca garantir "transparencia total" e contribuír a reconstruír "todo o puzzle" dos crimes cometidos, ao tempo que recoñeceu que as fotografías "son difíciles de ver e máis difíciles de esquecer".
A difusión das imaxes chega acompañada da entrega ao Congreso de documentación adicional procedente de J.P. Morgan e Deutsche Bank, entidades financeiras sinaladas por teren actuado como soporte económico da rede de Epstein durante anos. Os demócratas da comisión avanzaron que estes documentos tamén serán publicados "nos próximos días", unha vez revisados, para asegurar que a cidadanía accede a todo o que rodea a un dos casos de corrupción e abuso sexual máis virulentos da historia recente dos EUA.
Garcia volveu reclamar ao presidente Donald Trump que faga públicos "todos os documentos" relacionados co caso, ao considerar que o secretismo histórico sobre as relacións de Epstein coas elites políticas e económicas continua obstaculizando a investigación. "É hora de liberar todos os arquivos, agora", afirmou.
O comité parlamentar enviara o pasado 18 de novembro unha solicitude formal á Fiscalía das Illas Virxes para obter documentos, comunicacións e información relacionada con calquera investigación previa ou en curso sobre Epstein ou a súa colaboradora Ghislaine Maxwell.