150 anos de Gandhi, o independentista gabado en todo o mundo

GANDHI

A India celebrou esta cuarta feira, 2 de outubro, con diversos actos por todo o país o aniversario do nacemento do pai da patria, declarado pola ONU como Día internacional da non violencia.

“As xeracións vindeiras case non crerán que algunha vez unha persoa como esta andase en carne e óso sobre este mundo”. Así falaba no seu momento Albert Einsten sobre un dos persoeiros chave do S.XX e da historia universal: Gandhi.

Nado o 2 de outubro de 1869 no Estado indio de Guyarat, limítrofe co Paquistán e daquela baixo control británico Mohandas Karamchand Gandhi, máis coñecido como o Mahatma (“de grande alma”, nome que lle dedicou o premio Nobel Rabindranath Tagore) Gandhi, é considerado na India como o pai da patria.

Deste xeito, durante toda esta cuarta feira, xusto 150 anos despois do nacemento da figura central do movemento independentista contra o colonialismo británico, celebrouse o seu aniversario con diferentes actos por todo o país.

Festa nacional en todos os territorios da Unión, o Gandhi Jayanti ou Día de Gandhi tamén foi declarado pola ONU Día internacional da non violencia como recoñecemento a quen foi un dos principais defensores desa política e para difundir a nivel mundial a mensaxe que leva implícita.

En Nova Delhi, os principais dirixentes políticos do país, como o primeiro ministro, Narendra Modi, o ex primeiro ministro Manmohan Singh ou a presidenta do partido do Congreso Nacional Indio, Sonia Gandhi, achegáronse a renderlle homenaxe a Raj Ghat, memorial e lugar onde foi incinerado en xaneiro de 1948.

O día 30 dese mes foi asasinado por Nathuram Godse, un ultranacionalista indio oposto ao chamamento de Gandhi á convivencia pacífica entre hindús e musulmáns, nun momento de intensos enfrontamentos entre ambos os dous grupos relixiosos.

Satyagraha

Gandhi estudou Dereito en Inglaterra e viviu en Sudáfrica antes de encabezar a loita pola independencia da India do Imperio Británico, finalmente alcanzada en 1947.

A súa estratexia da satyagraha (“teimosía na verdade”, neoloxismo inventado polo propio Gandhi) ou desobediencia civil non violenta continúa a ter unha enorme influencia nos movementos e líderes políticos da India e de todo o mundo. Martin Luther King, Nelson Mandela ou Petra Kelly son algunhas das figuras que encontraron inspiración en Gandhi.

Ademais, o senlleiro líder indio tamén foi un firme defensor da harmonía entre relixións, un loitador contra o sistema hindú de castas e un impulsor do desenvolvemento das zonas rurais do país.

O Goberno indio lanzou unha páxina web na que recolle diferentes aspectos da vida e obra do Mahatma Gandhi, así como información sobre o 150º aniversario do seu nacemento. Tamén en twitter, coa etiqueta #Gandhi150, se poden atopar outros datos e contidos multimedia sobre a súa figura.