128 persoas foron detidas pola noite en Francia entre as protestas
As forzas de seguridade francesas informaron que na madrugada desta cuarta feira 128 persoas foron detidas ao longo do territorio nas distintas protestas que decorren para exixir a retirada da reforma das pensións, aprobada forzosamente a semana pasada polo presidente Emmanuel Macron sen que tivera que votar a Asemblea Nacional, onde non tiña garantidos os apoios necesarios.
Aínda que hoxe está convocada unha nova xornada de mobilización xeral contra o proxecto, as marchas e folgas convertéronse nunha constante desde que foi anunciada a decisión de Macron, cuxo Goberno sobreviviu por apenas nove votos a unha moción de censura presentada para intentar frear a aplicación da norma.
Nestes momentos, é o Consello Constitucional o que ten a última palabra tras distintas apelacións; unha negativa do órgano a paralizar a mudanza deixaría como única opción a convocatoria dun referendo, que precisaría case cinco millóns de sinaturas. Ao tempo, Macron defendeu onte a reforma, alertando de que agardar para activala incrementará o déficit do sistema de pensións, algo que non comparten múltiples economistas.