O ‘procés’ gaña tempo após os atentados que a prensa española non foi quen de utilizar na súa contra

Carteis na manifestación do sábado en Barcelona. Foto: NacióDigital

Probablemente é de tal ansiedade o estado dos grandes medios de comunicación españois na procura de circunstancias e elementos que poidan axudar a frustrar a celebración do referendo en Catalunya do 1 de outubro, que os atentados en Barcelona foron dunha envergadura difícil de xestionar. Calquera cousa que pase en Catalunya é susceptíbel de ser usada contra o referendo e os seus promotores. Un ataque jihadista no paseo das Ramblas era algo demasiado bo como para pararse a calibrar unha estratexia. A prensa do Estado fixo o que fai o propio Estado: lanzarse ao pescozo de Catalunya sen reparar nos argumentos.

Dez días despois, con moitas dúbidas sobre o obxectivo da información que destilaron medios e xornalistas, cunha manifestación cidadá que foi quen de emitir unha declaración de paz e tolerancia sen deixar de sinalar o cinismo das máximas autoridades do Estado dada a súa responsabilidade na promoción das guerras, os argumentos da prensa española apenas mudaron.


“A causa do separatismo dexenerou na intolerancia e no fanatismo máis demente. Os apupos contra o rei e contra Mariano Rajoy (…) Ondear esteladas (…) foi un intento ben calculado e perfectamente orquestrado de deturpar o obxectivo dunha convocatoria allea aos vaivéns políticos”, afirmaba este domingo o editorial de El País, o mesmo xornal que nos días seguintes ao atentado condenaba a falta de atención das autoridades (as catalás, só) vinculando torpemente a traxedia co proceso político en marcha. 


Dez días despois, após a incriminación dos portavoces das autoridades catalás polo uso do idioma propio, do intento (fracasado) de xerar un clima xenófobo en Catalunya, os meios españois, altofalantes da razón de Estado que mesmo intentou provocar unha declaración dun nivel de alerta que permitira sacar ao Exército as rúas, acusan agora os promotores do referendo de autodeterminación de tirar rédito político da marcha que o sábado reuniu centos de miles de persoas en Barcelona baixo o lema No tinc por (Non teño medo). 


Desde as páxinas de El Periódico, o televisivo Jordi Évole describe a manifestación como un asunto “politizado” metendo todos os actores políticos nun mesmo saco. Logo diferencia e sinala: “en postas en escena efectistas e televisadas é moi difícil gañar ao independentismo (…) Os independentistas normalmente saben aproveitar as súas ocasións, pero o sábado non tiveron a mellor das súas tardes”. E dos apupos ao rei e a Rajoy di: “Entendo a protesta, inda que creo que non era o día”.


Os argumentos non mudan, simplemente se lles dá a volta: se non fomos quen de utilizar os atentados e a resposta social en prol da unidade de España, que mellor que acusar ao contrario de os utilizar para romper a unidade. Así El País marca a pauta co seu titular de primeira do domingo: O independentismo boicotea a marcha unitaria de Barcelona. Na Galiza, Faro de Vigo destila a idea até conseguir opoñer no titular “independentismo” e “paz”. El Mundo avanza inda máis e enfronta o “independentismo” e as “vítimas”.      


Inda que os medios españois asumen de xeito implícito a derrota dos seus precipitados ataques dos primeiros días, non cambian a perspectiva. A reacción mediática diante da traxedia acompásase coas mensaxes desde as instancias políticas. Sergi Picazo e Roger Palá, editores de Critic, advertiran so dous días despois dos atentados da tentación do Estado de botar man da doutrina do choque e, en medio dun trauma, reducir as liberdades civís. Fronte a esa reacción agresiva e de encerramento nuns valores que nunca se fan explícitos –“rompéronos a alma, mais non van romper nunca o que somos”, expresou este domingo Feijoó no acto en Pontevedra con Mariano Rajoy–, a cidadanía catalá “reaccionou reclamando máis liberdade, máis tolerancia e máis comprensión”, segundo subliña Vicente Partal, no editorial de Vilaweb.


Esa mesma actitude de “civismo” dunha “cidade aberta e tolerante” que eloxia o editorial de La Vanguardia, é para Partal unha demostración de que “este país cambiou moito, tanto que xa non acepta a submisión acrítica nin aos políticos nin aos medios”. Mentres La Vanguardia cualifica como “acerto” a decisión de Felipe VI de asistir á manifestación, en Naiz o xornalista Beñat Zaldúa opina que “o Estado español quixo pór remedio a unha semana de práctica ausencia de Catalunya e desembarcou en tromba onte [polo sábado] en Barcelona, co Borbón á cabeza, querendo aclarar aos españois que o territorio segue sendo español”.


A fotografía dun activista recordando a Felipe VI que o tráfico de armas é incompatíbel coas proclamas de paz inundou as redes sociais esta fin de semana. O activista, David Minoves, presidente dunha asociación de defensa das minorías étnicas e nacionais, dá conta nunha columna en NacióDigital do proceso que levou á convocatoria da manifestación do sábado e de como os movementos sociais trataron de que “non se convertera nunha vitrina para as autoridades como en París após dos ataques de xaneiro”.  Minoves recorda que el mesmo advertira que “a manifestación non ía ser un paseo para o goberno do PP e o monarca”. 


O erro de cálculo de Felipe VI ao elixir a súa primeira participación nunha marcha cidadá puido contribuír a que gañase o discurso da paz e da tolerancia fronte á doutrina do choque. Malia os intentos da prensa española, nin a paz fica asociada á figura do monarca despois de que fose posta en evidencia a súa relación coa guerra, nin o independentismo catalán fica oposto á paz pola reacción unánime dunha cidadanía insubmisa, como subliña Partal.


As consecuencias de esa insubmisión van en efecto máis alá da resposta cívica ao terror dos terroristas. Inda que xornais como El Punt Avui vexan nos apupos ás máximas autoridades do Estado “un elemento para a reflexión” ou subliñen a “diversidade” nunha concentración que foi “contra o terrorismo, pero non máis”.


Ao día seguinte da manifestación, Rajoy brandiu en Pontevedra a razón de Estado, apelando á capacidade do Estado para defender “a soberanía nacional, a Constitución e o Estatuto de Autonomía catalán”, mentres Carles Puigdemont –nunha entrevista en El Nacional– facía referencia á tranquilidade e á serenidade coa que o Govern actuara durante a crise dos atentados para volver a mostrar a súa disposición á cooperación co Estado, máis sen renunciar ao referendo.  

 

En dez días, cunha crise de seguridade, coa ameza dunha crise social e o intento de forzar unha crise política de por medio, a xestión do Govern consolidou as posicións en prol do referendo e gañou tempo na medida na que os adversarios o perderon. E a cidadanía de Catalunya non só foi quen de proclamar que non ten medo, senón tamén, e polo tanto, que non precisa de xestores do medo.