O Reino de Galiza nas crónicas europeas
No Sermos Galiza 256 recolliamos que Yilliqiya e Galisiya eran os nomes cos que as fontes árabes se referían ao Reino de Galiza. Mais a documentación árabe non foi a única que o recolleu. Tamén as crónicas europeas poñen de manifesto que Galiza e España eran realidades diferentes. Analizamos as fontes europeas entre os séculos VII e XV. Eis un extracto da información que publicamos no Sermos Galiza 260.
As fontes vaticanas, por exemplo, fornécennos unha reveladora información sobre esta cuestión, ao presentarnos Galiza e España como cuestións que nada teñen a ver. Á volta do 794, o papa Adrián I, con motivo do Concilio de Frankfurt, dirixe unhas cartas, recollidas no Libellus sacrosyllabus, “ad provincias Galliciae et Spaniarum”, sendo esta última a igrexa mozárabe. Un caso semellante acontece no século VIII co papa Xoán VIII, que non dúbida, como se recolle na versión galega da Crónica Xeral, en identificar o seu interlocutor como “o muy nobre rey dos galegos”. Xa en 1088 o papa Urbano II, nun escrito destinado ao rei Afonso IV, ao que se refire como rei da Galiza, en relación coas sedes episcopais vixentes, distingue de xeito meridiano a “Hispaniis et Gallicis regionibus”, sendo as primeiras as situadas no territorio musulmán. Na mesma liña, a documentación franca sinala como reis de España os da área musulmá, até o punto de que nun acordo asinado no 820 entre o imperio franco e Abulaz este é denominado “Abulaz regem Hispaniae”. Aínda a finais do século XIV, concretamente na Crónica de Froissart, o grande relato da guerra dos 100 anos do autor francés Jehan Froissart, mantense esta distinción.
[Podes ler a información íntegra no número 260 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]