Os templarios na Galiza

Cruz de orixe templaria na igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos.

A sección creada por Sermos Galiza para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas céntrase desta vez na presenza dos templarios no país. Eis un extracto da peza que publicamos no número 318 de Sermos Galiza.

A pegada da Orde do Templo segue presente na Galiza. Castelos como o de Ponferrada, topónimos en Cambre, lendas nas Mariñas pero tamén localidades como O Temple, O Burgo, San Sadurniño, Betanzos, San Xiao de Lendo, San Fiz do Ermo, Santa María de Neira, San Pedro de Canaval, Amoeiro ou Coia.

 

A orde do templo fundouse en Xerusalén arredor de 1119 e 1120, impulsada polo cabaleiro francés Hugo de Payens, co obxectivo de protexer os peregrinos occidentais que chegaban a terra santa após a primeira cruzada. Será a primeira iniciativa histórica de creación dunha orde de monxes soldado cuxo aparecemento significará unha profunda reforma no monacato, dado que os relixiosos naquel tempo non tiñan autorizado portar armas. Porén, o seu salto a Europa non se producirá até 1127, tardando dous anos máis en ser recoñecida oficialmente polo papado, tras a celebración do Concilio de Troyes, debido, fundamentalmente, á iniciación na orde de importantes cabaleiros franceses, entre eles os condes de Anjou e de Champagne, e o apoio decisivo de Bernardo de Claraval, o grande impulsor da reforma cisterciense.

 

Os primeiros contactos dos templarios coa área galega-portuguesa son anteriores á propia legalización da orde. Segundo sinala Carlos Pereira Martínez, o máximo especialista do tema entre nós, citando o Cartulario da Orde do Templo, á volta de 1128 a raíña Tareixa de Portugal, a súa parella Fernán Pérez de Traba e outros nobres galegos e portugueses fixeron doazóns á Orde do Templo de diversos bens da súa propiedade situados en Portugal e Galiza. Así, entre estes últimos atopamos territorios en San Paio de Veiga, na comarca de Celanova, en Amio, Céltigos ou O Salnés, lugares, que tempo despois continuarán ligados á orde. Será precisamente nese mesmo ano cando Tareixa de Portugal entregue aos templarios toda unha serie de terreos na zona de Leiría e Coimbra, entre elas o castelo de Soure, considerado durante moito tempo a primeira propiedade da orde na península, cuxo dono anteriormente foi o propio Fernán Pérez de Traba.

 

[Podes ler a peza íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]