Orosio, o grande historiador do século V
Fai parte daquela xeración de ouro que alumeou o espertar cultural galego nas centurias do baixo Imperio. A obra teolóxica e histórica de Paulo Orosio ocupa un lugar central en toda a produción cultural do mundo coñecido do século V mantendo a súa influencia até os nosos días. Estamos, ao fin, diante doutro xigante que pariu Galiza e que modelou o pensamento a cultura Europea desde aquelas.
O desenvolvemento cultural da Galiza nas centurias finais da Idade Antiga obrigan a unha revisión do papel do noso país naquel tempo histórico. A floración dunha xeración de intelectuais nados e formados na Galiza como a que vimos de referir só se explica nun contexto de relativo progreso material, favorecido no caso galaico pola crise que se abre no imperio romano á volta do século III. As consecuencias desta convulsión serán desiguais nas diferentes partes do imperio até o punto de que unha parte da historiografía está a revisar a tradicional visión negativa do momento, sinalando a dinámica positiva que se constata naquelas zonas máis desligadas do centro.
A debilidade do poder central provocou toda unha serie de transformacións estruturais con consecuencias positivas para o conxunto da área galega, da que son unha expresión o maior espallamento das “villae” e a súa nova función como centros económicos non orientados cara á exportación, cunha tendencia a iren criando o seu propio espazo xurisdicional que se vai evadindo do control imperial e gañan independencia.
A biografía de Paulo Orosio segue chea de dúbidas. Sabemos que se criou e se formou na Galiza, onde con case total seguridade naceu. Porén descoñecemos a súa data de nacemento, aínda que a maioría dos autores, seguindo a Santo Agostiño de Hipona, a sitúan entre o 375 e o 385. Membro dunha familia da oligarquía local máis romanizada, permaneceu en Braga até arredor do ano 414, dislocándose nesa data ao encontro con Santo Agostiño na cidade africana de Hipona, na actual Alxeria.
[Podes ler o texto íntegro no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]