Galiza, un reino en Europa
Este 2018 o semanario Sermos Galiza continúa coa sección “A Galiza ignorada”, de periodicidade mensual, que creamos o pasado ano para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas. Nesta primeira entrega, Cilia Torna centrarase en Galiza durante a Idade Media. Eis un extracto dela.
Un percorrido pola documentación da época non deixa dúbida sobre esta distinción. Así, centrándonos nas fontes vaticanas, atopamos en 794 o papa Adrián I, con motivo do Concilio de Frankfurt, dirixindo unhas cartas, recollidas no Libellus sacrosyllabus, “ad provincias Galliciae et Spaniarum”, sendo esta última a igrexa mozárabe. Un caso semellante acontece no século IX co papa Xoán VIII, que non dúbida, como se recolle na versión galega da Crónica Xeral, en identificar o seu interlocutor, Afonso III, como “o muy nobre rey dos galegos”. Séculos máis tarde, neste caso en 1088 o papa Urbano II, nun escrito destinado ao rei Afonso IV, ao que se refire como rei de Galiza, en relación coas sedes episcopais vixentes, distingue de xeito meridiano a “Hispaniis et Gallicis regionibus”, sendo as primeiras as situadas no territorio musulmán. Na mesma liña sitúanse os escritos da chancelaría franca, até o punto de que o medievalista José Antonio Maravall, caracterizado polo seu inveterado españolismo e tan preocupado por demostrar o carácter permanente da unidade de España, vese obrigado a afirmar que na documentación árabe e carolinxia o espazo peninsular cristián era coñecido como Galiza.
[Podes ler esta sección íntegra no Sermos Galiza 281, á venda na loxa e nos quiosques habituais]