"A Galiza ignorada"

Galiza, un reino en Europa

Este 2018 o semanario Sermos Galiza continúa coa sección “A Galiza ignorada”, de periodicidade mensual, que creamos o pasado ano para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas. Nesta primeira entrega, Cilia Torna centrarase en Galiza durante a Idade Media. Eis un extracto dela.

Mapa do Beato de Girona
photo_camera Mapa do Beato de Girona

7Galiza e España significaban dúas realidades políticas diferentes ao longo da alta Idade Media. A primeira designaba o espazo político ocupado polo reino cristián no territorio ibérico, empregándose a segunda para denominar a área da Península gobernada polos musulmáns. As fontes contemporáneas, sexan estas de orixe árabe, peninsulares, francas, normandas, anglosaxonas ou vaticanas, non teñen dúbida á hora de certificar esta diferenciación. A cuestión, sinalada xa por Manuel Murguía na súa historia de Galiza, ao destacar como na documentación xermánica se citaban como feitos distintos “Guasconiam, Hispaniam atque Galaeciam”, foi estudada na mesma tradición historiográfica por Anselmo López Carreira, afirmando “a diferenciación entre España e Galiza persistiu -sen dúbida xa residualmente- durante moito tempo, cando xa gran parte dos reinos musulmáns foran transferidos aos monarcas cristiáns”.

Un percorrido pola documentación da época non deixa dúbida sobre esta distinción. Así, centrándonos nas fontes vaticanas, atopamos en 794 o papa Adrián I, con motivo do Concilio de Frankfurt, dirixindo unhas cartas, recollidas no Libellus sacrosyllabus, “ad provincias Galliciae et Spaniarum”, sendo esta última a igrexa mozárabe. Un caso semellante acontece no século IX co papa Xoán VIII, que non dúbida, como se recolle na versión galega da Crónica Xeral, en identificar o seu interlocutor, Afonso III, como “o muy nobre rey dos galegos”. Séculos máis tarde, neste caso en 1088 o papa Urbano II, nun escrito destinado ao rei Afonso IV, ao que se refire como rei de Galiza, en relación coas sedes episcopais vixentes, distingue de xeito meridiano a “Hispaniis et Gallicis regionibus”, sendo as primeiras as situadas no territorio musulmán. Na mesma liña sitúanse os escritos da chancelaría franca, até o punto de que o medievalista José Antonio Maravall, caracterizado polo seu inveterado españolismo e tan preocupado por demostrar o carácter permanente da unidade de España, vese obrigado a afirmar que na documentación árabe e carolinxia o espazo peninsular cristián era coñecido como Galiza.

[Podes ler esta sección íntegra no Sermos Galiza 281, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Máis en Información do Reino
Comentarios