Xabier Filgueira, elixido novo secretario comarcal da CIG na Coruña

CIG

Manel Grandal Anca e Xesús Anxo López Pintos renovaron os seus postos de voceiros da central nacionalista en Ferrol, ao igual que Etelvino Blanco como secretario en Ourense. 

As VI Asembleas Comarcais da CIG en Coruña, Ferrol e Ourense que se celebraron o pasado sábado culminaron cun relevo histórico na primeira e a reelección nas outras dúas, en todos os casos mediante enormes maiorías que tamén amosaron o seu apoio aos respectivos informes de xestión e chamaron a manter a loita contras as actuais políticas neoliberais e centralistas.

Na Coruña, Xabier Filgueira foi designado novo Secretario Comarcal á cabeza da única lista presentada, que acadou 194 dos 197 votos d@s delegad@s. Na súa intervención, Filgueira chamou a continuar na loita e a manter a tensión mobilizadora; “unha senda na que a acción sindical da CIG debe seguir apegada aos centros de traballo, mantendo a iniciativa á hora de dar alternativas, para promover e estar á fronte da contestación social e impulsar a conformación de movementos sociais amplos, en definitiva, unha central sindical con formulacións e métodos de loita alternativos e actuais”. 

"En Ferrol a VI asemblea comarcal da CIG nomeaba de novo a Manel Grandal Anca e Xesús Anxo López Pintos como voceiros comarcais, nun proceso que se desenvolveu baixo o lema “Porque a comarca o necesita: Organización, Loita, Soberanía”,

Os momentos máis emotivos da asemblea coruñesa tiveron como protagonista a Paulo Carril, que abandonaba o posto de secretario comarcal após doce anos de traballo no mesmo. Agora ocupará o de Secretario Confederal de Organización a nivel nacional. Ao defender o informe de xestión, Carril lembrou que a CIG “demostrou ser unha central sindical diferente e alternativa por termos no fomento da participación e no asemblearismo a base do noso funcionamento”. A súa figura tamén foi posta en valor por Xesús Seixo, secretario xeral do sindicato, que ademais denunciou que “o capital está aproveitando a crise e a situación de debilidade da clase traballadora para quitarnos dereitos conquistados e xerar novas fontes de negocios e recursos”. 

Pola súa banda, en Ferrol a VI asemblea comarcal da CIG nomeaba de novo a Manel Grandal Anca e Xesús Anxo López Pintos como voceiros comarcais, nun proceso que se desenvolveu baixo o lema “Porque a comarca o necesita: Organización, Loita, Soberanía”, e no que se presentou unha candidatura unitaria. Así mesmo, procedeuse ao debate do informe presentado pola Executiva saínte, que resultou aprobado con 105 votos, 3 en contra e 36 abstencións. No mesmo faise unha análise diferenciada entre o período 2007-2011, e os primeiros meses deste 2012. Así, destácase que no primeiro tramo temporal, a CIG consolidouse como primeira forza sindical na comarca, incrementando o número de delegad@s nun total de 43 con respecto ao proceso anterior. Outro apartado relevante do informe está dedicado ao Plan de Axuda Alimentar posto en marcha pola CIG para a afiliación con menos recursos. “Un plan que na comarca de Ferrolterra, pola grave situación socio-laboral existente, está a ter un destacadísimo funcionamento e é dos que maior número de usuari@s atende”, afirman. Na súa intervención, López Pintos fixo referencia á histórica folga xeral comarcal do pasado 12 de xuño, impulsada pola central nacionalista. Un éxito que demostra, aseverou, “que o sindicato ten o aval para ser representante lexítimo na loita contra as políticas que abafan á comarca e contra o conxunto de políticas de recortes”. 

"En Ourense reelixiuse a Etelvino Blanco como secretario comarcal"

Por último, en Ourense a CIG reelixiu a Etelvino Blanco como secretario comarcal, ao tempo que renovou a Executiva e aprobou o informe de xestión. A candidatura de Blanco -que foi a única que concorreu ao proceso ao igual que no caso da Executiva e do Consello- acadou un total de 136 votos a favor e 10 en branco. No peche, o secretario comarcal do sindicato nacionalista amosouse moi crítico co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que lembrou que durante a campaña electoral “asegurou que habería discriminación positiva coas zonas do interior do país”. Nesta liña, indicou que o Plan Impulsa posto en marcha pola Administración autonómica “non é máis que propaganda” e adiantou que lle proporá á nova Executiva Comarcal abandonar a comisión de seguimento “porque non serve para nada”. Tamén chamou a fortalecer a CIG fomentando a participación das bases e involucrando os cadros sindicais “para facer fronte coas maiores garantías aos difíciles anos que veñen para a clase traballadora”.