Vigo camiña na defensa da Serra do Galiñeiro

Camiñada no Galiñeiro

As corredoiras e os pasos foretais nunca tan concurridos se viron. Vigo e a súa comarca saiu ao camiño para defender a Serra do Galiñeiro, o singular espazo natural que se impón sobre a cidade de Vigo. Polo percorrido, pasaron ao pé dos espazos onde teñen pensado situar cando menos 6 xeradores eólicos e tamén por onde está previsto que se realicen as catas de prospeccións mineiras de terras raras. 

A manifestación desta volta non foi polas rúas de asfalto. Centos de persoas camiñaron sobre terra, pedra e herba, percorrendo dez quilómetros de camiños e pasos forestais da extraordinaria Serra do Galiñeiro, un dos elementos identificadores de Vigo e a súa comarca, que está en perigo ameazada por un parque eólico e pola explotación mineira. 

Coma en calquera roteiro, no do Galiñeiro varios eran os elementos que se recollían no percorrido. Por unha parte, a extraordinaria beleza da serra, un perfil que é un referente paisaxístico de Vigo e tamén os espazos que as ameazas que pesan sobre ela pode derruír. A vista das persoas camiñantes oteou o lugar de localización dos xeneradores eólicos como o espazo entre os concellos de Mos e Porriño no que a multinacional sudafricana Umbono Capital quere optar a facer catas para examinar o potencial de terras raras, empregadas para, entre outros usos, baterías de móbiles e pantallas de raios X.  

Dez quilómetros desde os que se dominan as terras de Zamáns e Herville e que centos de persoas percorreron convocadas pola Plataforma na defensa da Serra do Galiñeiro, composta por arredor de cincuenta entidades, desde agrupacións ecolóxicas e culturais a asociacións veciñais. 

No remate do percorrido Rexina Vega, Paco Barreiro, Manolo Pipas, Leo i arremecághona e Os Carunchos participan no acto final no que o Mago Marco enredará aos máis cativos cos seus xogos. 

A do Galiñeiro é unha serra de singular valor natural e cultural ademais de ter relevancia social e económica, co desenvolvemento de actividades de lecer e de aproveitamento sustentábel da natureza. A Plataforma reclama que a Serra entre a tomar parte da rede galega de espazos protexidos e a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o espazo do Galiñeiro. O Manifesto pola Protección da Serra do Galiñeiro publicado pola Plataforma no pasado mes de febreiro recolle os principais elementos de valor da Serra, desde os naturais aos históricos e culturais. 

O BNG presentou no Parlamento Galego diversas iniciativas encamiñadas a anular a autorización do parque eólico, a declaración de utilidade pública da serra ademais de reclamar que o goberno rexeite a posibilidade de prospeccións mineiras entre os concellos de Mos e Porriño á multinacional sudafricana Umbono Capital que optan a facer catas para examinar o potencial de terras raras, empregadas para, entre outros usos, baterías de móbiles e pantallas de raios X.