Vida de Aldea, alugueiro de terras para consumir o que se cultiva
O proxecto “Vida de aldea” naceu dunha explotación leiteira que se mantiña na casa durante varias xeracións.
Do que partía Xosé Ramón Rodríguez Iglesias á hora de deseñar "Vida de aldea" era da propiedade das construcións e a terra na que se instalaba a explotación leiteira na que xa traballaban seus avós. En total, dez hectáreas para cultivos e outras tantas de monte forestal. Despois de amañar as instalacións, con vistas a darlle rendibilidade no futuro, deseñou un proxecto polo que reservaba 5.000 metros de terra para partillar en hortas particulares co fin de alugalas a quen quixese producir os seus propios alimentos e non tivese terra en propiedade.
“A idea era facer un proxecto de desenvolvemento rural que fixera viábel a explotación e que permitise implicar aos consumidores na produción dos seus propios alimentos, eliminando intermediarios e producidos coas normas da agricultura ecolóxica”, comenta Xosé Ramón Rodríguez dunha iniciativa que naceu hai por volta de tres anos no concello de Outeiro de Rei.
Á hora de poñerlle nome non tivo demasiadas dúbidas. Quería que a palabra “aldea” aparecese, para se gabar duns valores que el defende como o amor á terra, á natureza e a solidariedade entre persoas. “A crise perpetua do sector lácteo levounos a pensar en algo distinto. Amañamos a explotación e puxemos en valor aquilo que tiñamos, as construcións, integrando ben todo o conxunto e confiando en que un día dera resultados. O tempo foi pasando e un día decidín montar na nosa terra un modelo similar ao das hortas urbanas para o que creei a marca “Vida da aldea”, para reivindicar o rural desde o propio nome”, explica o promotor da iniciativa.
“Todo iso é só un aporte extra que nos dá á explotación. Temos 15 vacas que muximos todos os días, mañá e noite. Pola mañá levámolas ao prado e recollémolas á noite”
Con esa idea, os 5.000 metros destinados ás hortas en parcelas de dez por dez e a cada unha dotounas dun pequeno invernadoiro de doce metros. Quen alugue unha delas contará con todos os servizos para a súa explotación, desde auga até abono procedente da propia explotación. Arestora, unhas doce desas pequenas fincas están alugadas, en especial a persoas de Lugo que veñen a Outeiro a sementar e recoller os seus propios alimentos.
En Outeiro, coa casa de Manuel María
“Fundamentalmente quen aluga as parcelas é xente de Lugo que tivo algunha vez acceso á terra e agora non ten. Polo xeral é xente que non sabe traballar o agro mais despois dun primeiro ano vai aprendendo e vanse facendo autónomos”, explica Xosé Ramón Rodríguez, enxeñeiro agrónomo que despois de rematar os estudos decidiu ocuparse da explotación familiar.
Cando comezaron co alugueiro de parcelas, comezaron tamén a aparecer visitas para coñecer a explotación, alugar espazos para cursos ou mesmo para festas. Nas instalacións de “Vida da aldea” fixéronse xa dúas celebracións de casamentos mais iso non tira a que
“Vida de aldea” recibe visitas de colexios e gábase da conservación das súas instalacións e dos impresionantes carballos que medraron nas súas terras. Entorno extraordinario que promocionan para que cando as persoas que alugan a terra vaian traballala aproveiten a xornada de lecer no singular entorno natural. Gábase Xosé Ramón Rodríguez, da singular ruta que agora ofrece Outeiro de Rei e na que "Vida de aldea" tamén se ten convertido en parada agradecida. "Ás veces veñen aquí as excursións escolares despois de visitar a casa de Manuel María e poden tamén ir ao obradoiro de instrumentos tradicionais de Xaneco Tubío que está aquí ao lado ademais doutras propostas artesanais que hai nos arredores", propón.