Vence remite unha carta ás plataformas de preferentistas contra a quita "estafa" que prepara o Estado

Vence, coas preferentes
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, quixo estar acarón d@s afectad@s pola estafa das preferentes nun dos seus primeiros actos como líder nacionalista. A formación frentista dirixiu unha carta ás plataformas de preferentistas contra a quita que prepara o Goberno Rajoy.

 

Xavier Vence -acompañado da alcadesa de Tomiño, Sandra González, e diversos cargos orgánicos e institucionais do BNG no Baixo Miño- renderon unha visita aos preferentistas que se achan fechados no concello de Tui.

Alí fíxolles entrega dunha carta que tamén foi remitida ás distintas plataformas que agrupan os milleiros de galeg@s atinxidos polo calote.

Arredor de 60.000 familias galegas están amezadas por unha quita que até pode chegar ao 55 por cento dos seus aforros. Vence responsabilizou do que cualificou de estafa ao Goberno do Estado e á Troika (FMI, Comisión Europea, Banco Central Europeu).

O BNG demanda a devolución íntegra dos seus aforros ás vítimas do calote. Vence dirixiu duras críticas a forma en que está a xestionar este asunto o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ao que cualificou de "trileiro".

O Banco de España tamén foi albo das censuras de Vence, quen dixo que o supervisor fixo a vista gorda mentres se consumaba a fraude.