Militantes críticos impugnan a constitución da Asemblea Local de Anova en Ferrol

Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista
Un grupo formado por 13 militantes presentou un escrito de impugnación contra a constitución da Asemblea Local de Anova en Ferrol. Acusan o secretario de Organización, Luis Eyre, de utilizar un censo "non coñecido" por este sector da militancia.

 

Inacio Martínez, Lupe Ces, Elena Casal, André Martínez, María Jesús Lois, Justo Riobóo, Daniel Alexandre Martínez, Miguel Anxo Abraira, Jennifer Prieto, Daniel Bonome, Francisco Maceira, Cristina Martínez e Aurora Riva asinan un escrito de impugnación ao proceso de constitución da Asemblea Local de Ferrol.

Estes militantes da organización que lidera Beiras teñen un blog na Internet -http://anovaferrol.wordpress.com/- e autodefínense nel como "un grupo de persoas que non desisten de conseguir que Anova, sexa unha organización diferente, fresca, horizontal e territorial. Onde haxa democracia, participación e transparencia".

Denuncian en concreto que o secretario de Organización, Luis Eyré, utilizou un censo non coñecido por este sector da militancia durante a reunión constitutiva da Asemblea Local de Ferrol.

Segundo o escrito dirixido á Coordenadora Nacional de Anova, Eyré presidiu a asemblea cun computador en que se achaba arquivado "o censo da organización", unha listaxe de afiliad@s que "canda menos a militancia" que agora recorre o proceso "non coñecíamos".

"Moitas das persoas que participaban na asemblea eran descoñecidas, nunca o fixeran en anteriores, e tampouco poderiamos sinalalas como participantes en mobilizacións ou nos movementos sociais mais activos da comarca. Aínda así, parecían obedecer a unha consigna clara, non opinar, non entrar ao debate e votar canto antes. Mesmo unha delas berrou: aquí vimos a votar", alegan estes militantes críticos.

Para expresar a súa discrepancia, ningún destes militantes participou na elección da coordenadora local de Anova en Ferrol.