Rajoy decide investigarse a si propio nun proceso interno en que non declarará Bárcenas
Rajoy reaxiu onte cunha dupla xogada propagandística: anunciou unha auditoria externa e a abertura dunha comisión de investigación interna sobre o estado das contas do partido.
Propagandística porque unha auditora só pode procesar a contabilidade legal -e os pagamentos en negro por definición son ilegais e non deixan rastro nas contas A- e porque na comisión de investigación desfilarán funcionarios e dirixentes do partido, mais non quen ten todas as chaves e informacións do caso, o ex tesoureiro Luis Bárcenas.
Ninguén pode agardar nada dunha comisión de investigación desta caste: en realidade, Rajoy investígase a si mesmo, se temos en conta que as prácticas irregulares que se atribúen a Bárcenas se produciron tamén durante o seu período primeiro como secretario xeral e despois como presidente do PP (éo desde 2004).
A conexión co caso Naseiro
Bárcenas foi quen sistematizou os pagamentos en negro a empregados e dirixentes do PP durante dúas décadas. Pretensamente, está en posesión dos recibís das nóminas B devengadas. El podería indicar quen as recibiu e quen non. O partido alega para a súa exclusión desta comisión que neste momento se acha incurso nun proceso xudicial como imputado. É unha razón feble: a súa condición de acusado non é incompatíbel con prestar declaración nunha investigación interna. Moito menos se falarmos de quen dispón aínda de despacho en Génova.
O caso non cesa. Hoxe, o diario El Mundo publica que Bárcenas utilizou a rede orquestrada polo tamén ex tesoureiro do PP Ángel Sanchis para retirar fondos (até 3 millóns de euros) das súas contas en Suiza.
Sanchis foi tesoureiro do PP durante o período 82-87, con Fraga como presidente. Foi un dos imputados do caso Naseiro, a primeira trama de corrupción vinculada á financiación irregular do partido.
Habería, por tanto, unha ligazón entre o caso Naseiro e o caso Bárcenas: os 3 millóns de euros que voaron desde unha conta opaca en Suíza até unha sociedade en Arxentina da que Sanchis é propietario.